
26 Apr Plans de acción na empresa, por que son necesarios?
Ás veces no noso negocio poñemos o foco en vender máis e deixamos de lado o deseño de plans de acción. É relevante trazar un esbozo da nosa actividade e de como a levamos a cabo, e instaurar parámetros para acadar as nosas estratexias. A pesar de que semella un asunto que só fai referencia ao futuro, afecta tamén ao día a día da empresa.
Podemos comezar avaliando como é a nosa situación actual, observar as nosas debilidades e fortalezas, e pescudar onde poderiamos mellorar e que facer para conseguilo. Unha vez chegado a este punto, cómpre realizar unha planificación das nosas tarefas e de como debemos levalas a cabo, pois é unha boa solución para alcanzar os nosos obxectivos empresariais de maneira máis organizada. Por que debemos proceder deste xeito? Pois porque:
-Establecemos metas e obxectivos que nos mostran a onde queremos ir na empresa. É probable que saibamos cal é a nosa actividade, pero que non teñamos claro como introducirnos en novos mercados ou que medidas tomar para aumentar a nosa produción.
-Obtemos a implicación do persoal. Comunicando cara a onde nos queremos dirixir o noso negocio e como logramos que todos os integrantes da empresa saiban de forma clara e precisa cales son as súas responsabilidades e tarefas, así como a maneira en que hai que levalas a cabo.
-Conseguimos unha vantaxe competitiva grazas ao coñecemento que adquirimos da nosa posición no mercado e saber en que destacamos fronte á competencia. Así mesmo, podemos indagar no mercado e atopar novas oportunidades de negocio que non estamos aproveitando e que nos poden achegar beneficios.
-É un modo de diminuír a incerteza e os riscos de posibles cambios cos que non contamos e que se ven agravados se non dispoñemos dunha folla de ruta que nos diga como actuar neses casos. Implantar plans de actuación para situacións deste tipo permite que esteamos máis preparados e que nos poidamos adaptar máis facilmente a estes cambios.
-Obtemos un prognóstico dos recursos que imos necesitar para levar a cabo as nosas actividades empresariais. Todos coñecemos a importancia de realizar un orzamento, polo que é importante coñecer as nosas necesidades.
Malia que a improvisación pode ser positiva nalgúns ámbitos, na empresa é negativa xa que podemos atopar unha falta de medios para levar a cabo esa acción, ao non ter avaliado, con anterioridade, a súa posible posta en marcha.