fbpx

Marta Carril, de Gestoría Carril: “Re-acciona permitiunos detectar novas liñas de negocio”

Marta Carril, de Gestoría Carril: “Re-acciona permitiunos detectar novas liñas de negocio”

A covid-19 puxo contra as cordas a moitos negocios. Incerteza, cambios normativos case cada día… en definitiva, un fervedoiro no que contar cun axente externo, para que che axudara a ver o panorama dende outra perspectiva, podía ser determinante para a supervivencia do negocio.

Neste contexto, e para poder facer fronte á situación con éxito, Gestoría de Carril, ubicada en Pontevedra, decidiu solicitar o servizo Proxecto de futuro e plan de mellora empresarial: “a covid-19 superounos polos cambios normativos que se producían día a día. Era complicado manter a mente fría; así que o feito de que alguén viñese de fóra e nos axudase foi algo fundamental”, afirma Marta Carril, e engade que “se non fose pola axuda do programa Re-acciona, creo que non teríamos sido capaces de facer fronte a todo este cambio provocado pola pandemia”.

Ademais, a irrupción da covid-19 coincidiu cun momento de cambio para Gestoría Carril, que tiña que enfrontarse á xubilación de varios traballadores. Por iso, tiñan que ver como ían xestionar toda esa transmisión de coñecementos. “O axente colaborador de Re-acciona axudounos a definir novas metodoloxías de traballo e a optimizar os procedementos para perder menos tempo na xestión dos trámites”; subliña Marta Carril.

Ela ten claro cales foron os beneficios: “axudáronnos a detectar liñas de negocio, unhas liñas que estaban ahí pero que non éramos capaces de velas, e iso era unha facturación que estábamos perdendo”. Por outra parte, tralo servizo de Re-acciona Gestoría Carril mellorou a cohesión do seu equipo e lograron que todo o cadro de persoal traballe na mesma liña para “obter mellores resultados”.

Máis información, na canle de YouTube Igape Competitividade.