
14 Sep Miriam Varela, de Varela Cartera: “Re-acciona permitiunos reducir custes, procesos e simplificar a nosa estrutura empresarial”
Adaptarse ou… morrer. Iso é o que tiveron que facer algunhas empresas trala irrupción da pandemia; e é que a incerteza provocada polo contexto insólito que nos tocou vivir obrigou a moitas compañías a repensar a súa actividade.
É o caso de Varela Cartera, que decidiu que era o momento de coñecer os seus riscos no mercado e as súas debilidades. Para iso, solicitaron o servizo Análise de cumprimento normativo e riscos legais incluido no eixo de Estratexia do programa Re-acciona, confinanciado pola Unión Europea.
“O día a día da túa actividade lévate a esquecer certos aspectos do negocio”, explica Miriam Varela, unha das propietarias da sociedade Varela Cartera, “por iso que alguén de fóra veña e che faga un diagnóstico é fundamental, sobre todo, a partir de marzo de 2020, que necesitabamos saber como estábamos de preparados para afrontar a nova situación económica”.
Grazas ao axente colaborador de Re-acciona, en Varela Cartera obtiveron unha análise externa e implantaron unha serie de medidas que lles permitiu impulsar a competitividade da empresa. A actuación máis importante que se levou adiante fou unha simplificación da súa estrutura empresarial: “tiñamos 3 sociedades con actividades complementarias e distinto persoal pero que podían unificarse nunha única, o que ía implicar menos xestión, unha reducción de custes e procesos”, subliña Miriam Varela.
Con este cambio tan importante, a empresa foi capaz de adoptar decisións de xeito máis rápido: “levar adiante o proceso foi un esforzo importante, pero o que está claro é que agora estamos moito mellor que antes de solicitar o servizo de Re-acciona. O éxito deste proceso debeuse á implicación do axente colaborador do programa pero tamén grazas á implicación da Dirección de Varela Cartera”.
Máis información, na canle de YouTube Igape Competitividade.