
19 Jul José Luis Gude, de Aleutos: “Adquirimos novas metodoloxías para detectar antes posibles problemas financeiros”
A urxencia do día a día nas empresas provoca, en ocasións, que a correcta xestión financeira quede nun segundo plano. O programa Re-acciona, cofinanciado pola Unión Europea, inclúe un servizo específico para optimizar este aspecto e apoiar ao tecido empresarial.
É o de Mellora da xestión financeira e procura do financiamento, e o testemuño de José Luis Gude, da empresa Aleutos Solutions da boa conta dos seus beneficios: “con este servizo obtivemos novas metodoloxías para detectar antes posibles problemas financeiros. Ademais conseguimos unha análise do noso negocio por parte de persoas expertas e o máis importante: vimos como ir equiparando ingresos e gastos”.
José Luis Gude destaca tamén que “agora somos capaces de afinar os nosos custes, algo que ao final está repercutindo, de xeito positivo, na produtividade de cada un dos servizos que ofrecemos”.
A metodoloxía de traballo que se realizou para a posta en marcha deste servizo, incluido no eixo de Profesionalización de Re-acciona, foi mixta, é dicir, unha parte das reunións foron presenciais e outras realizáronse de xeito telemático.
Agora, Aleutos Solutions conta cunha estratexia concreta que lle permite tomar decisións dun xeito máis óptimo. Ademais o equipo está preparado para manter as prácticas adquiridas e darlles unha continuidade no futuro. En definitiva, a empresa dispón das ferramentas necesarias para ter autonomía na súa xestión financeira.
Máis detalles, na canle de YouTube Igape Competitividade.