
26 May Seguridade, comunicación, teletraballo e confianza. Prepara a volta á oficina!
Moitas oficinas volven, pouco a pouco, á nova normalidade. É un escenario no que a hixiene e a distancia de seguridade entre as persoas son claves para que o traballo poida desenvolverse nun espazo seguro. Pero, que aspectos debes ter en conta para a posta en marcha do novo traballo presencial? A construción laboral e empresarial post-COVID-19 pasa por:
Medidas de seguridade. Debemos comezar por unha ánalise dos nosos traballadores. É importante coñecer o estado de saúde de cada un deles e, a partir de ahí, comezar a desescalada de xeito progresivo. Outro aspecto importante é escalonar as horas de chegada á oficina, xestionar o uso dos ascensores e mesmo planificar quendas. Parte do cadro de persoal pode seguir teletraballando e o resto, pode iniciar a actividade de xeito presencial. En calquera caso, pode resultar enriquecedora a realización de enquisas para saber que opinan os nosos empregados da volta á oficina.
Neste novo contexto algunhas compañías apostan xa por novos materiais para o seu mobiliario, o redeseño dos espazos e novos protocolos de limpeza. Polo tanto, elementos como as mamparas de protección, a colocación de xeles, guantes ou sistemas para o control da temperatura poden pasar a formar parte do noso día a día na oficina.
Comunicar e escoitar. A volta ó traballo vaise apoiar na comunicación bidireccional, trátase dunha comunicación que implica escoitar ás persoas que compoñen a compañía. Debemos coñecer cales son os seus problemas, as inquedanzas e as dúbidas dos empregados. Será a clave para establecer as políticas máis axeitadas á situación de cada cada cadro de persoal.
Os equipos xa demostraron o seu compromiso, por iso, agora é o momento de escoitar e darlle prioridade á saúde emocional dos nosos empregados. Tamén debemos centrar a nosa comunicación nese deseño de novos espazos de traballo; en definitiva, transmitir a clientes e traballadores os pasos que estamos dando en relación á seguridade.
Cambio cultural: o teletraballo. Traballar en remoto implica un cambio cara adiante. A emerxencia sanitaria deu lugar a unha opotunidade de mellora nas organizacións, ábrense novas posibilidades grazas á instauración de metodoloxías de traballo máis áxiles.
Por suposto, hai equipos que aínda non están preparados para traballar en remoto. Por iso a formación e o desenvolvemento van ser claves nese cambio do formato presencial.
Novo liderado baseado na confianza. O novo escenario obriga a aplicar un liderado máis tecnolóxico e humano. Se somos capaces de ter o grao de confianza coa outra parte, que é o cadro de persoal, a implantación das medidas de flexibilidade será máis exitosa. A saída desta situación vai depender das novas formas de traballo e de optimismo de cara ó futuro.