
12 May Como manteño motivado ó cadro de persoal en tempos de teletraballo?
É un momento complicado para o tecido empresarial. A COVID-19 obrigou ás empresas a implementar o teletraballo de xeito inesperado para seguir adiante coa actividade. Traballar dende a casa pode supoñer un desafío importante na xestión de equipos. A isto, cómpre engadirlle un escenario de desmotivación e de ansiedade provocado polo confinamento.
Os estudios revelan que un equipo motivado rende un 44% máis e aumenta case un 30% o compromiso dos empregados. Por iso, recompilamos algunhas recomendacións para as persoas encargadas da xestión de equipos:
Mantén unha comunicación transparente. Para poder crear un bo ambiente de traballo a distancia, é fundamental que fomentes unha comunicación fluida cos empregados; deste xeito evitas a desconfianza por ámbalas dúas partes e consegues que todos se sintan escoitados e intregrados no día a día, a pesar de non estar xuntos na oficina.
Fomenta o sentimento de pertenza. Nunha etapa de incerteza, como a que vivimos, as empresas deben cultivar e fomentar o sentimento de pertenza dos empregados. Como facelo? Amosándolles a importancia da súa función na entidade e facéndolles ver que son pezas clave para que a empresa obteña éxito.
Premia a creatividade. Podes animar ó teu equipo a que propoñan novas ideas a través de sesións de brainstorming en videochamadas. Así, todos se sentirán escoitados e partícipes da actividade da empresa. É importante que as boas ideas se poñan en marcha porque estarás recoñecendo o esforzo do teu cadro de persoal.
O feedback, sempre presente. Recoñecer un traballo ben feito é crucial para motivar ós teus empregados. Neste tempo de teletraballo é esencial que os líderes adiquen un tempo a facer seguimento de cada traballador para analizar, de forma conxunta, os posibles aspectos de mellora.
Conciliación e coidado do descanso. Agora o noso fogar é tamén a nosa oficina, e iso fai que sexa máis complicada a desconexión e o feito de conciliar. Por ese motivo é clave que os responsables de xestión dos equipos sexan máis escrupulosos que nunca na asignación das tarefas e respeto dos horarios. E por suposto, fomentar a flexibilidade.