
02 Jan A innovación, clave para que as empresas familiares superen obstáculos
Unha das grandes preocupacións ás que se enfrontan as empresas familiares é a innovación e a necesidade de adaptar o negocio ás novas tecnoloxías. Por iso, cómpre superar certos obstáculos que, inevitablemente, aparecen neste tipo de compañías.
A falta de planificación do relevo xeracional é unha das principais trabas á dixitalización e á innovación, xa que ó non planificar a sucesión empresarial xérase unha grande incerteza sobre a continuidade do negocio. Isto pode provocar que a primeira xeración, que tende a ser máis conservadora, retrase o relevo da empresa. Ademais, a nova xeración pode verse desmotivada pola falta de organización ou pola falta de experiencia e formación. Por iso, é necesario contar cun plan de protocolo familiar que determine a estratexia, así como os prazo para levar a cabo o traspaso do negocio.
A ausencia de talento pode ser outro dos problemas nas empresas familiares. Para innovar e levar a cabo o proceso de dixitalización é imprescindible ter un equipo que reúna as aptitudes necesarias. Por este motivo, é fundamental que a empresa aposte por un plan de formación que desenvolva o talento da familia, tanto dos novos sucesores como do persoal actual.
Por outra parte, o medo a que a empresa poida ser xestionada por outras persoas que non sexan da familia ten como consecuencia que non busquen a axuda de profesionais cualificados alleos que acheguen novas ideas. Ademais, a falta da confianza entre familiares pode provocar que os órganos de xestión e de goberno da empresa non queiran investir na evolución tecnolóxica.
Por todos estes aspectos, é importante que as empresas familiares aposten pola súa formación para desenvolver unha nova cultura da dixitalización e da innovación. Ámbolos dous son factores que lles permiten ós negocios ser máis eficientes e competitivos, e ter unha maior capacidade de resposta ante os novos retos do mercado.
Queres ser un exemplo de empresa familiar que consegue superar estas barreiras?
Permanece atent@ á nova convocatoria de Re-acciona!