
20 Dec Que fago para que a miña empresa teña boa reputación?
Os medios dixitais ofrecen numerosas ventaxas ás empresas e, ó mesmo tempo, poden constituir un problema importante se non se xestionan do xeito apropiado. E é que, a día de hoxe, calquera pode opinar sobre a nosa peme e xerar unha verdadeira crise.
Neste contexto, a reputación no mundo empresarial adquire cada vez unha maior importancia, razón que obriga a adicarlle unha atención permanente. Que debes facer?
Anticiparte: debes prepararte para a crise antes de sufrila. Unha boa xestión dixital debe partir da previsión do que pode pasar.
A transparencia ante todo: na actualidade, cando a información é máis pública que nunca, é complicado manter unha versión falsa sobre nós, polo que cómpre contar a verdade.
A humildade por diante: recoñecer os erros nunca será unha mala opción. As empresas deben demostrar tamén o seu lado máis humano. Unha desculpa pública xera a seguridade de que se traballará para solucionar o problema.
Sé coherente: é importante nestas ocasións nomear un portavoz que nos represente. Ademais, deberemos ter unha boa comunicación interna para tomar certas decisións como empresa no seu conxunto e evitar así que cada quen actúe libremente e en direccións opostas.
Non sexas impulsiv@: o noso primeiro instinto pode ser poñerlle fin inmediatamente á crise, pero non é recomendable. A estratexia de comunicación coa que se pretende solucionar a crise de maneira correcta deberá ter ben marcados os tempos de actuación. En ocasións, unha semana chegará para que a reputación da compañía se recupere e outras, serán necesarios meses.
Non te escondas: intentar que as cousas se solucionen soas, co paso do tempo e sen intervir, pode funcionar sempre que a crise sexa moi pequena, per, en xeral, deixar que pasen os meses non resolve o problema.
Aprende dos erros: as empresas, como as persoas, deben aprender deste tipo de situacións para evitar que se repitan. É posible que sexamos quen de resolver unha crise de forma correcta, pero un segundo erro pode reavivar as críticas da primeira, o que dificultará o éxito.
Nestes casos o máis importante é unha actuación coordinada, estratéxica e pensada. Unha mala decisión pode provocar que o problema aumente e a nosa reputación quede estragada, razón pola que é moi importante prepararse de antemán e contar cun plan de comunicación.
A nova convocatoria de Re-acciona vaiche axudar!