
07 May A APLICACIÓN DOS ROBOTS COLABORATIVOS NAS PEMES
Dentro da industria manufactureira, os robots colaborativos, tamén chamados cobots, supoñen unha das maiores innovacións. Este tipo de robots están deseñados para traballar e interactuar cos humanos de forma segura, o que aumenta a produtividade e a rendibilidade das empresas.
Este tipo de tecnoloxías ofrecen unha solución de automatización accesible para as pemes polos beneficios que achegan. Amosámosche a continuación cales son esas vantaxes que supón o emprego de robots colaborativos nos procesos de fabricación:
- Facilidade na programación: este tipo de robots son moito máis fáciles de usar e instalar, grazas a que a linguaxe de programación se simplificou e as interfaces son máis intuitivas. Calquera persoa pode programalos para realizar funcións sinxelas sen a necesidade de contar cunha persoa especialista nestas tarefas.
- Incremento da rendibilidade: os cobots pódense reprogramar facilmente de maneira rápida para que realicen as diferentes tarefas nos procesos de fabricación e reducir así os tempos de inactividade da produción, o que aumenta a rendibilidade.
- Aumento da flexibilidade: grazas á facilidade de programación, estes robots poden cambiar de procesos de maneira rápida cun mínimo de tempo e esforzo de configuración. Así, resultan máis áxiles na automatización de calquera tarefa manual con respecto aos robots tradicionais.
- Redución de erros e desperdicios: a precisión e a exactitude desta tecnoloxía ten como consecuencia unha diminución de erros e desperdicios durante o proceso de fabricación, o que optimiza o uso dos materiais e evita maiores custos.
- Beneficios para o persoal: os cobots están deseñados para realizar funcións pesadas e repetitivas. Por iso melloran a contorna de traballo do persoal e reducen os riscos laborais.
- Aumento da seguridade: grazas aos sensores integrados, ademais doutros sistemas de seguridade, estes robots non presentan ningún perigo para o cadro de persoal, xa que están programados para deterse e deixar de realizar a súa función no momento que teñen un contacto mínimo con algún obstáculo.
Agora que coñeces as vantaxes de empregar os robots colaborativos, cres que a túa peme está preparada para implantalos nos seus procesos de fabricación e comezar coa automatización da produción?
Fontes: https://bit.ly/2IV0oip; https://bit.ly/2u88UBs; https://bit.ly/2QOIOkv