
16 Apr A innovación intelixente, elemento clave de crecemento das pemes
A innovación é un dos elementos clave de calquera empresa para aumentar a competitividade e mellorar a súa proposta de valor. A través da implantación de tecnoloxía e de procesos e ideas innovadoras é posible impulsar o crecemento de todas as organizacións, incluídas as pemes.
En concreto, este tipo de organizacións teñen grandes vantaxes á hora de innovar con respecto ás grandes empresas, posto que o seu tamaño lles permite unha maior flexibilidade e capacidade de resposta ante os cambios. Por este motivo, é importante que aposten por unha innovación intelixente.
A innovación intelixente consiste en analizar a situación na que se encontra a empresa, analizar os retos aos que se debe enfrontar, valorar os recursos dispoñibles e os obxectivos que se queren conseguir e elaborar un plan a medida das circunstancias. Para iso, o proceso da innovación intelixente ten que pasar por varias etapas.
A primeira delas é entender e analizar como está cambiando o mercado e os intereses da clientela, posto que, para innovar, as empresas non deben centrarse nos seus produtos ou sistemas de produción, senón na clientela, para determinar como dar unha mellor solución ás súas necesidades.
Posteriormente, as empresas teñen que observar o resto de competidoras do mesmo sector, para ver as tendencias e entender os cambios. Non se trata de copiar, senón de aprender e desenvolver unha proposta diferente.
A seguinte etapa será a de definir o proxecto e elaborar a nova proposta. Créase un prototipo da idea innovadora para poñelo en práctica e ver a acollida no mercado.
Outra das etapas da innovación intelixente será a de avaliar e ir modificando as propostas das empresas segundo as necesidades do mercado e as esixencias da clientela.
Finalmente, tras a reflexión e a estratexia, débese definir un plan de acción que se poida poñer en práctica de forma inmediata. Ademais, debe ser realista e adaptado ás necesidades que presente a empresa.
Por tanto, para levar a cabo unha innovación intelixente, cómpre que as empresas se centren en tres elementos clave: a reflexión, a estratexia e a acción, sen esquecerse das tecnoloxías, que son un dos medios que as pemes deben empregar para transformar o seu modelo de negocio e implantar estratexias innovadoras que lles permitan ser máis competitivas.
Fontes: https://bit.ly/2P71PKS; https://bit.ly/2D8Zx98; https://bit.ly/2K2OAHW