fbpx

INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA AS PEMES: O USO DOS CHATBOTS

INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA AS PEMES: O USO DOS CHATBOTS

A intelixencia artificial é unha das tecnoloxías clave para a dixitalización empresarial que non só ten cabida nas grandes empresas. As pemes tamén se poden beneficiar das súas vantaxes, grazas ás diferentes ferramentas que existen, a través das cales poden implantar as novas estratexias de negocio.

Unhas das aplicacións específicas de intelixencia artificial axeitada para as pemes son os chatbots, tamén chamados bots, programas que simulan ter conversacións con usuarios que poden ser tan naturais como falar cunha persoa, pero que, en realidade, ofrecen respostas automatizadas, definidas previamente.

Estas son as vantaxes de empregar chatbots nas pemes:

  • Mellora a relación coa clientela e automatiza os procesos de negocio: estes asistentes virtuais ofrecen respostas inmediatas, en calquera momento do día e nunha linguaxe natural, con posibilidade de facelo en varios idiomas. Isto permite un contacto permanente coa clientela.
  • Reduce os tempos e optimiza os procesos: poden resolverse un gran número de consultas no mínimo tempo posible de maneira eficaz. Este é un dos factores máis importantes do sector do comercio electrónico, pois os prazos de reposta e entrega son decisivos, sobre todo para captar ou reter a clientela.
  • Aforra custos: os chatbots permiten ter asistencia persoal reducindo os custos, posto que, con eles, se elimina a necesidade de contar cun equipo conectado todo o tempo.
  • Axústanse ás necesidade de cada empresa: estas aplicacións poden dotarse de determinadas características, segundo as preferencias e as necesidades das empresas. Poden programarse para solicitar información da clientela, analizala e orientar o usuario en función dos seus gustos e as súas preferencias, co que ofrecen un servizo personalizado. Isto pode servirlles ás pemes para decidir as estratexias de marketing.
  • Aumenta a boa reputación da empresa: a posibilidade de ter un contacto directo coa clientela, ademais de ofrecer un trato personalizado, permitirá reter máis usuarios, o que aumentará a boa reputación da marca.

Estas son algunhas das vantaxes de inserir asistentes de intelixencia artificial nas pemes, o cal supoñerá un cambio na estratexia do negocio, pois ademais mellorarán a produtividade e o retorno do investimento. Aínda segues pensando que a intelixencia artificial só é aplicable ás grandes empresas?

Fontes: https://bit.ly/2STRhD8https://bit.ly/2Hn8MqEhttps://bit.ly/2HBfTeFhttps://bit.ly/2HTiMH9