fbpx

O paso da empresa Acebrón Group polo programa Re-acciona TIC: entrevista a Rebeca Acebrón, Conselleira Delegada

O paso da empresa Acebrón Group polo programa Re-acciona TIC: entrevista a Rebeca Acebrón, Conselleira Delegada

Acebron Group é un conxunto de empresas familiar, que inicia a súa traxectoria no 2000, co obxectivo de satisfacer a crecente demanda de mecanizado derivado do auxe do sector eólico.

Entre os anos 2000 e 2010, os sectores principais da empresa foron o eólico, para o que subministraban compoñentes críticos para os principais tecnólogos do sector; así como o naval e a realización de servizos de mantemento de centrais térmicas.

Dende o 2010 ata a actualidade, e froito dun plan estratéxico, diversificáronse e internacionalizáronse, e obtiveron o recoñecemento entre empresas líderes a nivel internacional do sector enerxético (xa non só eólico, senón tamén o hidráulico ou o nuclear), aeroespacial, portuario e de bens de equipo, fundamentalmente

Entrevistamos a Rebeca Acebrón, conselleira delegada de Menanizados Acebrón, para que nos achegue a súa experiencia no programa Re-acciona TIC, concretamente, co servizo de diagnose das capacidades e aplicación das solucións da industria 4.0.

1. Por que xorde a necesidade de participar no programa Re-acciona TIC ?

Precisábamos coñecer en que punto nos atopábamos para adaptar solucións de industria 4.0 e poder avanzar neste gran reto, que entendemos como unha oportunidade para a empresa. Aínda que partíamos dun coñecemento previo, necesitábamos contar cunha empresa experta, neste caso o axente colaborador, para que nos axudase a enfocar o camiño que debíamos para enfrontar este novo reto 4.0 e, máis en concreto, cales eran as tecnoloxías vinculadas a esta industria.

2. Como se desenvolveu o servizo solicitado?

Primeiro, abordaron o uso de ferramentas organizativas como paso previo antes de chegar á implantación de solución tecnolóxicas e, posteriormente, definiron un equipo de traballo que realizou unha posta en común de todos os aspectos tratados, co fin de decidir que accións debíamos focalizar e priorizar para camiñar cara á industria 4.0, chegando a un consenso e debuxando o itinerario de implantación a dous anos e medio.

3. Que supuxo para a empresa o programa Re-acciona TIC?

O servizo Re-acciona TIC permitiunos elaborar un plan de accións para poñer en marcha ata o 2020, no que están previstas actuacións tanto no ámbito organizativo como tecnolóxico e de industria 4.0.

Ademais, marcámonos por obxectivo centrar os nosos esforzos, principalmente, na aplicación de ferramentas vinculadas a sistemas ciberfísicos e a explotación dos datos recompilados das nosas máquinas e integrados no sistema usando técnicas de big data. Ao mesmo tempo pretendemos asegurar a dispoñibilidade da información a través do uso da nube, permitindo o acceso ela nos aspectos de interese, tanto a clientes como a provedores.

Podes ver a entrevista completa na nosa canle en Youtube na seguinte ligazón.

Lembra que se queres beneficiarte dos servizos de Industria 4.0 do programa Re-acciona TIC tes unha nova oportunidade de solicitalos na primeira convocatoria do programa, aberta ata o 14 de febreiro.