
15 Jan A importancia do diagnóstico como factor clave da dixitalización
Antes de iniciar o proceso de dixitalización é imprescindible saber de que punto se parte e a onde se quere ir para planificar unha boa estratexia.
O diagnóstico dixital é o primeiro paso para determinar a situación actual da empresa, así como as súas necesidades para, a partir de aí, construír unha estratexia de éxito e identificar os obxectivos. Para iso, é fundamental coñecer o grao de dixitalización da empresa, o cal determinará as súas debilidades e fortalezas ante o desafío dixital.
A continuación enumeramos as áreas da empresa que debes analizar para coñecer o seu grao de dixitalización:
- Estratexia e cultura da empresa: a dixitalización debe ser unha prioridade para a empresa. Por iso é importante que a persoa líder e todo o equipo directivo se involucren e comprometan en todo o proceso para así trasladarlle ese compromiso ao persoal e impulsar a cultura dixital.
- Experiencia da clientela: débese analizar o nivel en que a empresa emprega medios dixitais na relacións coa clientela. A utilización de web, redes sociais, publicidade en liña, posicionamento SEO e SEM ou servizos de cliente en liña deben ser postos en práctica en todo negocio. A dixitalización permite rexistrar e xestionar os datos da clientela, que servirán para ter una visión dela e mellorar a estratexia que se quere seguir.
- Organización e talento do equipo: o persoal debe estar capacitado para afrontar e adaptarse aos cambios da transformación dixital. Por iso, é necesario potenciar a formación do persoal, xa que un equipo con capacidades dixitais garantirá o éxito do proceso.
- Produtos e servizos: a transformación dixital trae consigo a xeración de novas formas de negocio que nacen para adaptarse ás novas necesidades da clientela. Ademais, xorden novas canles de venda que as empresas deben poñer en práctica para chegar á nova clientela.
- Infraestrutura e tecnoloxía: cómpre que as empresas conten con dispositivos e ferramentas dixitais cunha boa conexión a Internet, xa que facilitarán o traballo.
- Procesos internos da empresa: a dixitalización dos procesos da empresa, como a produción, a loxística, ou a xestión financeira e documental, aumenta a eficiencia desta. Polo tanto, é importante que se valore a introdución de ferramentas que automaticen os procesos.
Agora que xa sabes cales son os eixes que se deben ter en conta para analizar o grao de dixitalización, podes determinar se a túa peme está preparada para afrontar o proceso de dixitalización?
O programa Re-acciona TIC conta co servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións de Industria 4.0, que permite analizar a situación actual da empresa para determinar as súas necesidades reais.
Lembra que tes ata o 14 de febreiro para solicitar os servizos da nova convocatoria do programa. Para máis información accede á web https://reacciona.igape.es/
Fontes: https://bit.ly/2TRdZsl; https://bit.ly/2QOM6zh; https://bit.ly/2LCgvhp; https://bit.ly/2D9nhu1