
20 Nov Cales son as #RRSS máis utilizadas polas pemes?
Posted at 10:00h
in blog
Na actualidade, o uso correcto das redes sociais é un factor moi importante dentro da estratexia de marketing dixital de toda peme se quere aumentar a presenza da súa marca e gañar visibilidade. Por iso, a maioría delas en España xa usa algunha das redes sociais que existen.
A continuación enumerámosche as máis utilizadas polas empresas españolas neste ano:
- Facebook: é a rede social máis empregada polas empresas e a que conta co maior número de usuarios activos. Con ela podes crear un perfil de “páxina de empresa”, tamén chamada fan page, a través da cal promover unha actividade, negocio ou servizo, e interactuar cos teus seguidores, pois ofrece un grande alcance e visibilidade. Entre as súas vantaxes destaca a posibilidade de facer seguimento da actividade da páxina (Facebook Insight) así como de crear publicidade a través da aplicación Facebook Add.
- Twitter: é a segunda rede máis utilizada e dinámica. Nela existe unha grande interacción entre as marcas e os usuarios, en tempo real, sobre temas actuais e tendencias. Esta rede está máis enfocada á conversa, motivo polo que moitas empresas a empregan como canle para atención á clientela. Con ela podes crear unha imaxe de marca e transmitir un valores cos que se poida identificar a clientela, o que se chama crear branding.
- Instagram: é a rede social na que cada día maior número de empresas opta por ter presenza, pois é a máis visual e máis utilizada pola Xeración Z. Permite promocionar con publicidade as publicacións destacadas, polo que se pode alcanzar unha maior audiencia e mellorar os resultados.
- LinkedIn: orientada a un público profesional, é unha excelente canle para crear novas oportunidades de negocio, xa que permite contactar con outros profesionais do teu sector para conseguir visibilidade e xerar novos contactos.
- Pinterest: aínda que menos empregada que as anteriores, pouco a pouco vai tendo máis usuarios. Esta rede supón unha grande oportunidade para o comercio en liña, xa que permite mostrar, dun xeito visual e fácil, servizos e produtos.
- Youtube: aínda que tamén se utiliza menos que as anteriores, esta rede social é necesaria para enviar mensaxes audiovisuais, como vídeos de presentación e corporativos ou tutoriais.
Agora que xa sabes cales son as redes sociais máis utilizadas, só tes que elixir a que mellor se adapte ao teu público obxectivo e comezar a túa estratexia de social media.
Fontes: https://bit.ly/2NpOhs1; https://bit.ly/2zXPktA; https://bit.ly/2PyTbIj