
06 Nov Por que debes integrar un sistema ERP na túa tenda en liña?
Na actualidade, moitas pemes vense na necesidade de montar a súa propia tenda dixital, polos beneficios e as vantaxes competitivas que ofrecen as plataformas de ecommerce. Pero o mantemento do comercio electrónico pode converterse nunha tarefa difícil e pouco rendible.
Por iso, a solución está na integración dun software ERP. Esta ferramenta dixital permite a automatización da xestión empresarial e a planificación dos recursos mediante a centralización da información.
A continuación, expoñemos as principais vantaxes que supón a integración desta solución dixital nunha tenda en liña:
- Evita duplicidades e erros: ter conectada a plataforma ecommerce co software de xestión fará que os pedidos se traspasen automaticamente ao ERP en tempo real, o que permitirá coñecer cales proveñen da tenda en liña e cales non, e evitar así datos duplicados. Ademais, ao non introducir os datos dos pedidos manualmente, evitaranse erros, o que se traducirá nunha maior eficiencia.
- Posibilita un control do stock en tempo real e mellora a experiencia da clientela: coa sincronización da plataforma terás datos do stock actualizados, o que evitará sorpresas, como non dispoñer do produto cando o pedido está realizado. Deste xeito, ao contar con información sempre actualizada, a empresa poderá prestar un mellor servizo e dar así unha imaxe máis profesional, así como potenciar a fidelización.
- Aforra custos: a automatización dos procesos evita erros, o que fai que o funcionamento do negocio sexa máis eficiente.
- Mellora o proceso de envío: os pedidos que entran sincronízanse automaticamente, de modo que se poden recoller, embalar e enviar rapidamente. Isto reduce os tempos de entrega.
En definitiva, a integración dun sistema ERP na xestión da túa tenda en liña marcará a diferenza de cara a unha maior eficiencia e unha maior satisfacción da clientela, o que supoñerá que a túa empresa sexa máis competitiva.
Fontes: https://bit.ly/2D53HzN; https://bit.ly/2JGmJ0z; https://bit.ly/2ALJOw2