
04 Sep A importancia da ciberseguridade na #FábricaIntelixente
Gran parte da revolución industrial baséase na rápida comunicación e mantemento de datos de maneira compartida mediante as novas tecnoloxías, como o cloud computing ou o Internet das Cousas.
A conectividade das máquinas é un dos factores clave da industria 4.0, por iso, a seguridade informática convértese nunha importante parte do correcto desenvolvemento das fábricas intelixentes, posto que os ciberataques nos sistemas industriais poden reducir a produción, afectar á innovación e causar estragos a nivel financeiro.
O punto de partida para abordar a ciberseguridade é comezar coa avaliación do estado actual da peme, realizar unha análise das posibles ameazas ou vulnerabilidades. Isto permitirá identificar e clasificar os riscos, avaliar o impacto e determinar cales son as necesidades para alcanzar un nivel óptimo de seguridade.
Outra das claves é a actualización continua dos sistemas operativos, incluídos os propios de seguridade da empresa, para poder adaptarse a todas as situacións.
Ademais, tamén se recomenda implementar auditorías dos sistemas, das redes, dos dispositivos e do contorno en busca de posibles ameazas, así como solución de seguimento, análise e detección do tráfico de rede para mellorar a protección.
Neste ámbito, será importante tamén formar o persoal para recoñecer as ameazas e posibles riscos das tecnoloxías, pois sempre existe a posibilidade de que ocorra algún accidente, polo que cómpre contar cun plan de continxencia.
En consecuencia, a ciberseguridade supón tamén un factor clave na transformación dixital. Nun ámbito no que todo está conectado, calquera manipulación dos datos pode ter graves consecuencias. Calquera empresa que queira adaptarse á industria 4.0 debe ter en conta que a seguridade é fundamental para obter éxito na transformación cara á fábrica intelixente.
Fontes: https://bit.ly/2NDOOqF; https://bit.ly/2Ps7uKv; https://bit.ly/2NzpJgq