
10 Jul Coñeces os beneficios que #EconomíaCircular pode aportar á túa peme?
A economía circular é un modelo de produción e consumo que se inclúe dentro das políticas de RSE e implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posible para crear un valor engadido. Desta forma, o valor dos produtos, compoñentes e materiais mantéñense no ciclo produtivo durante o maior tempo posible a niveis de máxima utilidade e a xeración de residuos redúcese ao mínimo. Contrasta co modelo económico lineal tradicional, baseado principalmente no concepto “usar e tirar”, que require de grandes cantidades de materiais e enerxía.
Este enfoque converte a economía circular en impulsora de novas oportunidades, derivadas da xestión sustentable, que se traduce en beneficios empresariais como poden ser as novas posibilidades de negocio. O mantemento do valor dos produtos ao longo do tempo ou a volta dos residuos á economía como materiais secundarios de alta calidade reducirán a demanda de materias primas virxes e, como consecuencia, a dependencia das importacións.
Ademais, mellora a competitividade, pois este método de produción consegue unha mellor relación entre a produtividade e a utilización dos recursos, que se traduce nunha maior eficiencia.
Outros dos beneficios son a innovación e o crecemento económico. Os novos modelos de negocio e as novas tecnoloxías favorecerán a innovación e crearán máis valor económico dos recursos naturais. Así mesmo, supón un beneficio económico en custos, xa que reutilizar materia prima é máis barato que fabricar desde cero.
Non podemos esquecer o desenvolvemento de novas áreas de traballo que xerará a creación de emprego de baixa, media ou alta cualificación.
E, por último, o mellor de todo é o impacto positivo no medio. Este modelo impulsa a utilización de enerxías renovables en lugar das convencionais, moito máis contaminantes e non reaproveitables.
Polo tanto, a economía circular supón unha mellora tanto para as empresas como para os consumidores. As empresas que xa o practican comproban que reutilizar recursos é moito máis rendible que fabricalos desde cero. Por tanto, redúcense os custos de produción e o produto abarátase. Non só outorga un beneficio económico, senón tamén ambiental, polo que todos gañamos con este sistema.
Fontes: http://bit.ly/2m4pJJ3, http://bit.ly/2J9a44i, http://bit.ly/2u6TT2H, http://<a href=’https://www.freepik.es/foto-gratis/grupo-de-empresarios-mano-trabajando-en-grafico-sobre-fondo-blanco_2518207.htm’>Photo de Fondo creado por freepik</a>