
26 Jun A implantación da #RSE: un factor de competitividade
A responsabilidade social empresarial consiste nun compromiso de xestión por parte da empresa que, de forma voluntaria, adopta un modelo de negocio que implica accións sociais, ambientais, e de diálogo e interacción co contorno da organización mais alá do esixido legalmente, actividades coas que pretende xestionar os seus impactos na sociedade, pero sen deixar de buscar a súa propia rendibilidade. Trátase, pois, dun equilibrio entre o beneficio económico da peme e o beneficio social e ambiental.
Aínda que se considera un desenvolvemento ético, a implantación da RSE implica un crecemento empresarial e unha vantaxe competitiva máis propia de pemes que de grandes empresas, debido a unha maior relación co contorno e á súa proximidade coa cliente.
A continuación detallamos os beneficios que ten para as pemes a implantación da RSE:
- Comerciais: neste ámbito a RSE contribúe a mellorar a imaxe e a reputación da empresa; mellora o contorno social da peme; posibilita un mellor posicionamento e diferenciación da marca; axuda a obter unha maior lealdade coa clientela e a captar nova; e permite acceder a novos segmentos de mercados.
- Económicos: ser responsable socialmente permite reducir os custos das operacións; obter desgravacións fiscais; e atraer novos investidores e captar capitais. Ademais, axuda á obtención de subvencións públicas e reduce os riscos operacionais como consecuencia da existencia dun maior control e unha mellor xestión.
- Laborais: en canto ás relacións laborais, mellora a lealdade, o compromiso e a motivación do persoal, así como as relacións internas; beneficia o clima laboral, o que incrementa a produtividade; e aumenta a cualificación e a capacidade do cadro de persoal.
- Medioambientais: ser responsable co medio ten como consecuencia a eficiencia de recursos, a facilidade de adaptación aos cambios normativos e a redución dos custos a través do control de refugallos e a valoración do subproduto.
Polo tanto, a RSE é unha aposta irrenunciable para as pemes que aspiren a ser innovadoras e competitivas. Unha empresa que mantén a súa rendibilidade no tempo sendo sustentable minimizará o impacto medioambiental e traballará de forma socialmente responsable sen renunciar a ser competitiva.
Fontes: https://bit.ly/2K87qwX, https://bit.ly/2fA4QDP, https://bit.ly/2jioDIZ, https://bit.ly/1Ri5RNX