
22 May Queres converter a túa peme nunha lovemark?
Cada día, as persoas consumidoras ven unha cantidade innumerable de marcas, pero de todas elas só lembrarán unhas poucas. A clave para ser unha destas está en ir máis alá da propia marca, é dicir, abandonar a idea de que só é un nome, un produto, para conseguir converterse en algo máis, algo ao que os individuos estean emocionalmente atados.
Segundo Kevin Roberts, o creador da teoría das lovemarks, as claves para conseguilo son:
• O amor: as emocións moven montañas e todo o mundo necesita sentilas. Existe unha gran variedade, de entre as que a túa marca debe elixir a que desexa transmitirlles aos consumidores. Os sentimentos non se poden impoñer, requiren un grande investimento de tempo e de creatividade, polo que as organizacións teñen que ter paciencia e ser constantes.
• O respecto: ao igual que nunha parella, o amor debe estar acompañado deste segundo punto. Nunha peme, para conseguir que os nosos consumidores sintan respecto, deberemos ser innovadores e comprometidos, ofrecer produtos ou servizos de calidade, ser sinceros e coidar a reputación. Teremos que lograr converternos nunha marca que transmita seguridade e seriedade, unha entidade na que poder confiar.
• O misterio: se o teu público coñece todo sobre ti, non haberá lugar para a sorpresa, para estimular a emoción. Para isto deberemos utilizar o storytelling e contar historias que atrapen os consumidores, coas que se sintan identificados. Non se trata de mentir, nin de inventar, senón de saber como contar cousas sobre nós de maneira diferente.
• Os sentidos: as lovemarks non só chegan a converterse nun referente polo seu impacto nos usuarios a través da vista. O impacto debe chegar tamén a través doutras canles, debe asociarse a un olor, un son… Os recordos máis duradeiros son os que conseguimos implantar a través dos sentidos.
A túa marca non debe limitarse a estar no mercado como unha máis. Tes que saber diferenciarte, quedar na mente e, sobre todo, nos corazóns dos consumidores. Un cliente namorado é para toda a vida. Paga a pena, verdade?
Fontes: https://bit.ly/2uj7VRx, https://bit.ly/2vLGFvN, https://bit.ly/2vLGHnp