
20 Apr Beneficios do inbound marketing para a túa peme
O inbound marketing é unha metodoloxía que combina técnicas de marketing e publicidade non intrusivas coa finalidade de chegar á xente. Na actualidade, as persoas consumidoras están saturadas de mensaxes publicitarias, o que provoca que os anuncios tradicionais xa non sexan tan efectivos. Por este motivo, as empresas deben tratar de encontrar alternativas para chegar ao seu público.
Con esta estratexia preténdese crear contidos de calidade que consigan conquistar a clientela, que sexa ela a que veña a ti, en lugar de ter que perseguila. Unha vez captada a súa atención, poderás convertela nun rexistro e acompañala no seu proceso de compra.
Ademais da captación da atención das visitas, o inbound marketing tamén proporciona outro tipo de vantaxes para a peme:
- Nova clientela: unha empresa con bos contidos conseguirá ser máis visible e aparecer nos primeiros resultados dos motores de busca, o que se traducirá en novos contactos para a súa base de datos.
- Coñecemento do noso público: esta metodoloxía baséase nunha representación ficticia da clientela real, o que axuda a comprender mellor como é e a atopar o que satisfaga as súas necesidades. Neste caso, a análise das persoas usuarias será moi exhaustiva para que o achegamento sexa realmente efectivo.
- Alcance: os contidos chegan a un público cada vez máis amplo e, pouco a pouco, crean comunidade.
- Branding: mellora a imaxe de marca da entidade.
- Posicionamento: a xeración de contidos de calidade pode facer que a túa empresa sexa considera unha experta no sector e un punto de referencia.
- Fidelidade: as persoas usuarias volverán sempre a unha páxina que lles dea o que queren, polo que esa atracción polos contidos fará que sexan fieis á túa marca. Ademais, isto xera credibilidade e confianza.
- Análise: ao ser unha ferramenta dixital, é posible analizar en pouco tempo as accións postas en marcha e a reacción do público, o que nos permitirá mellorar continuamente os nosos resultados.
- Rendibilidade: aínda que a dedicación que require é moita, os custos que implica son moi baixos.
- Competitividade: o factor de éxito, neste caso, non ten nada que ver co orzamento co que contes ou co tamaño da empresa, senón coa capacidade que teñas para comprender as necesidades do teu público. Así, a túa peme poderá competir con todas as empresas do sector, independentemente do tamaño.
É unha realidade que esta metodoloxía de marketing funciona, pero é necesario dedicarlle tempo e esforzo, ademais de contar con profesionais. Non se trata dunha estratexia coa que obter resultados inmediatos, polo que terás que ter paciencia e ser constante. Ademais, deberás empezar canto antes para non quedar atrás nesta carreira pola dixitalización.