fbpx

Os e-sports, un novo sector para a peme

Os e-sports, un novo sector para a peme

Os electronic sports ou deportes electrónicos son un novo concepto utilizado para denominar as competicións organizadas a nivel profesional sobre videoxogos. Para considerarse e-sport cómpre que sexa un xogo que permita o enfrontamento entre dúas ou máis persoas que competirán con igualdade de condicións. Deben existir ligas e competicións oficiais reguladas, equipos e xogadores profesionais, e por último, contar con miles de afeccionados, tanto que xoguen como que sexan seguidores.

Esta industria estase a converter nun xigante que move ao redor de 700 millóns de dólares a nivel mundial. Nos próximos anos, os expertos calculan que estes eventos chegarán a ter unha audiencia moito maior que a Super Bowl, e é que a retransmisión a través dos novos medios dixitais permite que persoas de todo o mundo poidan estar conectadas para gozar das partidas sen custos.

Para coñecer as oportunidades que este tipo de competicións pode ofrecerlles ás pemes é importante saber quen son os protagonistas:

  • Streamer: xogadores que comparten as súas partidas cos seus seguidores en directo.
  • Staff: equipo que rodea os xogadores. Pode estar composto por terapeutas, psicólogos ou representantes que orienten as súas carreiras.
  • Youtubers: líderes de opinión para afeccionados.
  • Caster: o equivalente a un locutor na retransmisión dun deporte tradicional.

España estase a converter na principal potencia europea neste ámbito. A acollida por parte de cidades españolas como Madrid e Barcelona das maiores competicións europeas fan do noso país un referente. Por este motivo, as pemes poden chegar a ter múltiples posibilidades neste contorno. Grandes empresas de telecomunicacións como Movistar ou Orange xa ofrecen estes servizos na súa programación, adaptándose aos novos tempos e dirixíndose a un novo sector da poboación que está en auxe. Principalmente, o público obxectivo neste caso está composto por persoas de entre 15 e 28 anos que utilizan a redes sociais como principal foco de actividade e plataforma de comunicación.

Dentro dos deportes electrónicos as pemes poden encontrar un mercado heteroxéneo no que captar novos clientes entre a mocidade. As pequenas empresas poden apostar por introducirse a través de modelos clásicos, como o patrocinio, ou chegar a reinventar o seu negocio. É importante ter en conta os elementos que compoñen os equipos e buscar novas oportunidades. Un exemplo claro é o do emprendedor que decide montar o seu propio bar e, en lugar de dirixilo a un público tradicional, decide aclimatalo para acoller tanto gamers como seguidores, ademais de retransmitir as competicións e ofrecer espazos nos que os consumidores poidan xogar.

Coñecendo o sector no que nos estamos a mover, o público que reúne e os seus intereses, só falta botarlle imaxinación e innovar. As pemes deben comezar a adaptar os seus negocios tradicionais a estas novas tendencias que moven millóns de persoas.

Fonte: http://bit.ly/2G6CWg1, http://bit.ly/2rltk6m, http://bit.ly/2IB85GS