
01 Dec Medidas para fomentar a mobilidade sustentable nas empresas
Unha das causas dos grandes índices de contaminación nas cidades é o uso masivo do transporte para o desprazamento ao posto de traballo. É por iso que as empresas desempeñan un importante papel na redución desta contaminación, a través do fomento de políticas que promovan no persoal outras maneiras de acudir ao traballo, no marco da responsabilidade social empresarial, que eviten o emprego do transporte privado como única alternativa posible.
A continuación, imos falar dalgunhas alternativas de mobilidade sustentable que as empresas poden aplicar cos seus traballadores:
- Favorecer o teletraballo, unha maneira de realizar as tarefas a distancia. Esta práctica é das máis coñecidas, xa que grazas a Internet e aos avances na comunicación, podemos estar conectados co centro de traballo, así como celebrar reunións con persoas noutras partes do mundo.
- Animar os empregados a compartir vehículo, unha maneira de reducir tanto o número de coches en circulación, como de compartir gastos de transporte.
- Crear espazos para bicicletas, de maneira que fomentemos o seu uso para os desprazamentos. Tamén se pode dar incentivos aos empregados que as usen.
- Aplicar a flexibilidade laboral, establecendo diferentes horarios de entrada e saída, tratando de evitar a famosa “hora punta”, na que se producen grandes conxestións de tráfico.
- Fomentar o uso do transporte público, para o cal é importante asociarse con empresas da zona de cara a conseguir melloras neste tipo de transporte para que resulte máis atractivo.
- Darlles abonos aos traballadores para que sexa máis económico optar polo transporte público, en lugar de que estes sexan para prazas de garaxe.
Moitas das prácticas mencionadas son de fácil aplicación en calquera empresa, que non precisan dun grande esforzo económico pero que, pola contra, constitúen unha boa maneira de contribuír á redución da emisión de gases á atmosfera. Que outras alternativas para fomentar a mobilidade sustentable nas empresas coñeces?
Fonte: https://twitter.com/RSExuntagalicia, www.compromisoempresarial.com/