
09 Nov O servizo de posta en marcha de solucións industria 4.0 ” a fondo”: Entrevista a Pablo Coca de CTIC
“A competitividade é construír capacidades para abordar con éxito os desafíos da industria 4.0”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de posta en marcha de solucións da industria 4.0 do Re-acciona TIC, un servizo prestado por CTIC dende os inicios do programa, no ano 2016, e cuxo reto é apoiar o proceso de transformación dixital da empresa.
Entrevistamos a Pablo Coca, de CTIC, para que nos fale en detalle do servizo.
1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?
No ámbito do deporte, cando falamos de competitividade, pensamos nunha combinación de actitude (desexo de vitoria) e de capacidades (calidades físicas e técnicas). Para min non difire moito no caso das empresas: a súa competitividade baséase nas súas capacidades (recursos humanos e técnicos, medios produtivos) para ofrecer produtos e servizos de forma eficiente (ao mellor prezo), con alta satisfacción do cliente (mellor produto/servizo ou diferenciado) e coa motivación de crecer coa adquisición de cada vez maior cota no mercado e diferenciarse.
É importante para unha peme e para calquera empresa. É a súa columna vertebral. Toda empresa debe, por definición, traballar para ser cada vez máis competitiva: crecer para competir e competir para crecer.
2. Que beneficios achega o servizo de posta en marcha de solucións de industria 4.0 a unha peme? Cales son os máis valorados?
Implantar solucións de industria 4.0 implica, para as empresas industriais, tomar decisións en ámbitos de tecnoloxías novas ou simplemente descoñecidas, por non ser o ámbito de especialización da empresa. Con este servizo facilitámoslle o proceso desa toma de decisións, acompañando e axudando nas fases nas que teña maior necesidade: desde a análise técnica e funcional para definir as especificacións ás que terían que responder os provedores de solucións TI, a levar a cabo unha proba de concepto dunha tecnoloxía, para que a empresa poida decidir sobre a viabilidade e a aplicación da devandita solución no seu día a día.
3. Este servizo leva a cabo a implantación dun proxecto tanxible vinculado á industria 4.0, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?
As tecnoloxías de base da industria 4.0 son fundamentalmente a Internet Industrial das Cousas, a realidade aumentada, a simulación (incluíndo a realidade virtual), a computación na nube, a ciberseguridade, o big data, a análise intelixente de datos, a fabricación aditiva e a robótica colaborativa.
O obxectivo último é que a empresa implante algún tipo de solución de industria 4.0, pero isto implica importantes decisións cun impacto no proceso produtivo ou nos procesos de negocio da empresa.
A través do servizo de implantación de solucións de industria 4.0, ofrecido no programa Reacciona-TIC, axudamos á empresa a dimensionar o proxecto en todo o seu alcance e, a partir de aí, centrámonos nalgunha das fases deste, normalmente no seu inicio, para avanzar na súa implantación.
4. Cales son as fases principais a través das cales se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?
De forma resumida, o servizo estrutúrase en dúas fases: a definición do alcance do proxecto e a execución dos traballos de apoio e asesoramento acordados coa empresa.
Na fase de definición, deséñase o proxecto na súa totalidade, incluíndo a definición do apoio e o asesoramento que se vai prestar dentro do alcance de servizos do programa Reacciona-TIC.
Na miña opinión, esta é a fase máis crítica e de maior importancia no proceso, en tanto un bo deseño e a planificación son clave para o éxito posterior de calquera implantación de solucións.
5. Xa para rematar, dos servizos realizados ata o de agora, poderías falarnos sobre algún que resultara para vós un caso de éxito?
Neste momento practicamente todos os servizos con empresas están en desenvolvemento e ningún finalizou, polo que aínda non podemos falar de casos de éxito.
O tipo de solucións coas que estamos traballando neste momento con estas empresas baséase en tecnoloxías de análise intelixente de datos, Internet Industrial das Cousas e plataformas para a integración de sistemas.