08 Nov O Hotel Talaso Atlántico, empresa beneficiaria do programa Re-acciona, elixido mellor centro de talasoterapia
O Hotel Talaso Atlántico, beneficiario do programa Re-acciona, foi o gañador do premio Proxectos Wellness & Spa Experience 2017 na Feira Internacional Piscina & Wellnes Barcelona 2017, celebrada entre os días 17 e 20 de outubro e na que se reuniron máis de 341 expositores de 25 países.
O Talaso Atlántico, coñecido por ser o primeiro complexo de talasoterapia de Galicia, recibiu numerosos premios dende a súa inauguración, tanto en feiras de ámbito estatal como internacional. Ademais, recentemente, foi beneficiario do servizo de desenvolvemento de plans de acción do programa Re-aciona, apoiado polo axente colaborador DPI Estrategia. Este servizo ten como obxectivo colaborar na comunicación do plan de mellora global, así como na creación dos equipos de traballo responsables da súa posta en marcha, e levar a cabo o seguimento da súa execución.
Respecto ao caso de Talaso Atlántico, o axente colaborador destaca que “a súa dirección é un exemplo en facer ben as cousas. Ademais, froito da definición da súa estratexia, realizou en múltiples ocasións o servizo de desenvolvemento de plans de acción para cubrir todos os seus obxectivos (planificación, control, organización…). Actualmente, atópase nunha fase de crecemento ordenado que lle permite ser un referente no seu sector”.
FOTO: TALASO ATLÁNTICO (Valmiñortv)