
12 Oct Que frea o salto tecnolóxico do teu negocio?
Unha das razóns fundamentais pola que as empresas queren incorporar tecnoloxías é a de reducir custos. De feito, estudos como o de Market Research, recollido polo BBVA, amosa que o 60 % das pemes españolas quere dixitalizarse.
Non obstante, algunhas empresas seguen a estar estancadas sen dar este paso tan importante que as faga ser máis competitivas. As barreiras que impiden este proceso de dixitalización podemos resumilas en catro:
- O investimento que se require, xa que os custos económicos poden ser difíciles de asumir para algúns negocios. As axudas ou programas para a dixitalización son algunhas das opcións ás que poden recorrer as empresas. Ademais, hai que ter en conta que os beneficios que se obteñan axudarán a recuperar os gastos.
- A loxística necesaria que implica ter comercio electrónico, algo para ter moi en conta dada a importancia da rapidez nas compras por internet. A estratexia debe basearse na busca de partners loxísticos que actúen como apoio nestas tarefas.
- As múltiples canles de atención ao cliente segundo as súas demandas, o que implica maiores recursos. A través de bots, que permiten atender os clientes en tempo real se necesidade de máis persoal, podemos solucionar este problema.
- As diferenzas en canto a resultados positivos e oportunidades. A cantidade de empresas que se benefician da dixitalización segue a ser maior nas de gran tamaño. Ademais, o aumento dos consumidores dixitais non se traduce no incremento de organizacións que se dixitalizan, polo que moitas delas perden cota de mercado.
De todas as razóns analizadas anteriormente, a que ten maior peso neste estudo é o investimento, debido a que máis dun 40 % das pemes españolas o considera un motivo para non dixitalizarse. Formas parte do grupo das que aínda non deron ese salto dixital? Cales son as túas razóns?