fbpx

O servizo de aplicación de solucións de mobilidade “a fondo”: Entrevista a Adrián Rial de Inova Labs

O servizo de aplicación de solucións de mobilidade “a fondo”: Entrevista a Adrián Rial de Inova Labs

“A competitividade é incorporar solucións que dean lugar a modelos de negocio máis rendibles”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de aplicación de solucións en mobilidade do programa Re-acciona TIC. Un servizo prestado por Inova Labs e Balidea dende os inicios do programa, no ano 2016, e cuxo reto é dotar á empresa das ferramentas necesarias para que continúen co cambio.

Entrevistamos a Adrián Rial de Inova Labs, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?

Entendo a competitividade como poder ofrecer o maior valor aos nosos clientes e, ao mesmo tempo, empregar a menor cantidade de recursos posibles. A competitividade é a base a partir da cal calquera empresa pode consolidarse e medrar.

2. Que beneficios achega o servizo de aplicación de solucións en mobilidade a unha peme? Cales son os máis valorados?

O servizo contempla a incorporación de solucións que facilitan a mobilidade de persoas, clientes e recursos. Deste xeito favorecerase o traballo en remoto dos empregados e colaboradores, o acceso a un espazo personalizado no que os nosos clientes encontren a súa información e a xestión en tempo real de activos móbiles como flotas de camións.

3. Este servizo leva a cabo unha estratexia de mobilidade e un plan operativo para facela realidade, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

Debido a diversidade de solucións de mobilidade dispoñibles e as diferentes oportunidades que ofrece cada unha delas, é necesario establecer unha estratexia que permita priorizar a combinación de solucións que maior beneficio reporten á empresa coa menor inversión en tempo e recursos.

Unha vez seleccionadas as solucións de maior interese establecerase un pan operativo que permita realizar unha implantación escalonada para que a empresa poida dixerir os cambios e se optimice a súa infraestrutura.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

O servizo divídese en 4 fases:

  • Preparación: Na que se forma ao equipo de traballo e se realiza unha primeira diagnose da capacidade da empresa para abordar as novas solucións de mobilidade.
  • Deseño da estratexia: Tal como se relatou, nesta fase se realiza a priorización das solucións mais adecuadas para cada empresa.
  • Implantación e posta en marcha: Esta fase é a que ten máis peso no servizo e nela se realiza a análise funcional, a configuración e implantación da solución prioritaria. Finalmente se realiza a capacitación aos usuarios para que se inicie o emprego da solución.
  • Seguimento: Durante 8 semanas se realiza a monitorización do emprego da solución para poder realizar recomendacións de axustes na mesma.

 

5. Xa para rematar, son moitos os servizos realizados ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algún que resultara para vós un caso de éxito?

Podemos destacar a implantación dunha solución de mobilidade para o equipo comercial dunha empresa de fabricación e distribución internacional de equipos industriais. Neste caso a dificultade residía en poder adaptar a solución ás catro liñas de produto da empresa xa que cada unha delas tiña un proceso completamente diferente.

A solución permite que cada comercial poda xerar unha oferta dende un dispositivo móbil na que os apartados se van conformando de xeito automatizado en función do produto e as características do mesmo.