fbpx

O servizo de estratexias de marketing dixital “a fondo”: Entrevista a José Alcañiz de Estérea

O servizo de estratexias de marketing dixital “a fondo”: Entrevista a José Alcañiz de Estérea

“A competitividade é mellorar o ámbito comercial da empresa apoiándose nos medios dixitais”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de estratexia de marketing dixital do programa Re-acciona TIC. Un servizo prestado por  Estérea dende os inicios do programa, no ano 2016, e cuxo reto é elaborar unha estratexia dixital para implantar accións de mellora.

Entrevistamos a José Alcañiz, de Estérea, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?

A competitividade poderíase entender como a capacidade das empresas de dispoñer dos seus recursos de tal maneira que lle ofrezan ao mercado produtos ou servizos en, polo menos, igualdade de condicións que ao resto da oferta do sector. No terreo do dixital, os factores que determinan a competitividade das empresas varían con moita rapidez, chegando a cambiar sectores enteiros, como estamos presenciando ultimamente co transporte público ou os servizos financeiros. As pemes son, por definición, máis áxiles que as grandes corporacións á hora de adaptarse aos cambios, e iso convérteas nas primeiras na zona de saída para presentar alternativas disruptivas. Por tanto, considero primordial calquera investimento que unha peme poida facer en preparar os seus procedementos e os seus recursos humanos e técnicos para ser competitiva na nova economía dixital.

2. Que beneficios achega o servizo de estratexias de marketing dixital a unha peme? Cales son os máis valorados?

O servizo de estratexias de marketing dixital está pensado, sobre todo, para habilitar as empresas e os seus recursos ante os novos retos da economía dixital. Os principais beneficios son a formación que reciben as empresas, así como o acceso á información, metodoloxía e métricas do seu negocio relacionadas co mundo dixital, que, moitas veces, nin coñecían antes de iniciar o servizo. O que máis adoitan valorar as empresas coas que colaboramos é a metodoloxía que, unha vez terminado o servizo, deixamos na empresa para que sexan capaces de continuar o traballo internamente.

3. Este servizo leva a cabo a elaboración dun plan de marketing dixital, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

En primeiro lugar, faise unha extensa toma de datos para coñecer a realidade da empresa en canto aos seus activos dixitais, os recursos que dedica, e o seu contorno competitivo. En base a esa información, determinamos os obxectivos principais das accións de marketing dixital, definimos os distintos públicos aos que se dirixe a empresa e fixamos as nosas recomendacións de actuación nas distintas frontes de marketing dixital: atracción de tráfico, xeración de leads, conversión á venda e fidelización de clientes. Como resultado, detallamos as tácticas que recomendamos implantar en cada fase (SEO, SEM, mail marketing, marketing de contidos etc) e elaboramos un calendario de actuación.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

O servizo consta de catro fases. A primeira consiste na análise da información achegada pola empresa na toma de datos. A continuación, procédese á elaboración do plan de marketing dixital. Seguidamente, lévase a cabo a implantación das accións deste plan que se acorden coa empresa. Finalmente, avalíanse os resultados do servizo. Todas estas fases están acompañadas dunha acción transversal, a formación, a través de sesións presenciais e o acceso a unha plataforma de teleformación específica.

5. Xa para rematar, son moitos os servizos realizados ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algún que resultara para vós un caso de éxito?

Estamos particularmente contentos co caso de Coplant, unha grosista de planta ornamental que comercializa con toda Europa, e que ao inicio do servizo contaba cun nivel de comunicación en liña moi baixo e sen planificación. Como parte do servizo, elaboramos un plan de contidos, definimos os seus públicos e as canles nas que debían ter presenza, e realizamos optimizacións a nivel SEO da súa páxina web. A día de hoxe, a base de seguidores nas redes sociais incrementouse exponencialmente, o alcance nas redes sociais é o dobre do anterior e a empresa conta con varias palabras clave moi relevantes colocadas dentro dos primeiros postos de Google. Actualmente, sigue mantendo as súas canles sociais empregando a metodoloxía e a formación prestadas durante o servizo. Sen dúbida, un caso de éxito que permite a Coplant contar con máis visibilidade en buscadores e redes para captar clientes distribuidores. En definitiva, contribuímos a que Coplant sexa máis competitiva.