fbpx

O servizo de redes de cooperación e de socios “a fondo”: Entrevista a Carla Piñeiro de Inova Labs

O servizo de redes de cooperación e de socios “a fondo”: Entrevista a Carla Piñeiro de Inova Labs

“Construír un ecosistema de colaboradores para ser máis competitivo”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de redes de cooperación e de socios do programa Re-acciona. Un servizo prestado por Inova Labs dende os inicios do programa, no ano 2012, e cuxo reto é optimizar o posicionamento da empresa mediante a transformación do contorno colaborativo.

Entrevistamos a Carla Piñeiro de Inova Labs, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?

Para nós a competitividade reside na capacidade que teñen as empresas por si soas -ou en conxunto- de facer fronte aos cambios que se poidan producir no seu sector ou mercado, adaptándose eficientemente cun resultado positivo para elas.

2. Que beneficios achega o servizo de redes de cooperación e de socios a unha peme? Cales son os máis valorados?

O principal beneficio do servizo é a posta en marcha de iniciativas de cooperación empresarial a través da identificación de sinerxías entre pemes para incrementar a súa competitividade.

Tamén a través do servizo se consegue sensibilizar as pemes participantes sobre as vantaxes de cooperar con outras entidades, sexan empresas ou non,  a nivel rexional, nacional e internacional.

Co servizo dotase as pemes participantes da metodoloxía e das ferramentas necesarias para:

  • Identificar e establecer redes de cooperación con socios potenciais de forma efectiva.
  • Definir e avaliar a viabilidade de proxectos de cooperación empresarial.

 

3. Este servizo leva a cabo a definición dunha estratexia colaborativa, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

A estratexia colaborativa é a dinámica pola que dúas ou máis empresas independentes colaboran co fin de obter unha serie de vantaxes competitivas mediante a busca e a execución conxunta de accións que permitan alcanzar un obxectivo estratéxico común.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

O servizo parte dun diagnostico inicial no que se identifican as necesidades da peme; seguidamente, priorizamos e seleccionamos as necesidades máis significativas da peme que se poderían resolver a través dunha colaboración.

Unha vez que temos identificado o proxecto colaborativo, pasamos a definir os perfís dos potenciais socios que se precisan e cales son as súas características. A partir destes perfís, faise unha procura dos socios potenciais que cumpran as características descritas. Unha vez os temos elixidos, pasamos a establecer conxuntamente coa peme unha estratexia de aproximación para a presentación do proxecto.

Tras a definición da estratexia de aproximación, lánzase o contacto aos potenciais socios; durante todo este período de contacto, dende a consultora apoiamos a peme para que teña o maior número de resultados positivos.

Como punto final do servizo, nas colaboracións que vaian adiante, dáselle apoio á peme nos procesos de negociación e peche de acordos.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

Tras o paso dos anos nos que levamos prestado o servizo, a nosa bagaxe de proxectos é do mais diversa; temos traballado cun gran número de empresas moi diferentes, dos sectores mais variados existentes na nosa Comunidade. Partindo desta bagaxe experiencial, podemos diferenciar catro tipos de proxectos colaborativos: os que proporcionan máis valor, os que incrementan a competitividade da empresa, os que permiten aumentar vendas/mercado e os que posibilitan obter máis financiamento.

Temos levado a cabo proxectos colaborativos que desenvolveron propostas de maior valor, inculcando nas empresas o novo paradigma da innovación aberta. As empresas melloraron a súa competitividade ao externalizar actividades ou recursos clave que lastraban o seu modelo de negocio a través de diferentes partners, o que lles permitiu centrarse nas áreas nas que eran máis competitivos. Grazas ao servizo, as pemes accederon a novos mercados e incrementaron as súas vendas, mediante acordos con socios que lles permitiron abrir novas canles. Finalmente, pemes que no inicio da súa andaina empresarial precisaban de financiamento atoparon socios investidores cos que sacar adiante os seus proxectos.