
29 Aug A colaboración interempresarial como vantaxe competitiva
A miúdo un dos problemas máis frecuentes das pequenas e medianas empresas é contar cos recursos necesarios para desenvolver a súa actividade empresarial, de xeito que axuden a ter un bo posicionamento no mercado.
A colaboración entre empresas é a alternativa que algunhas organizacións están levando a cabo, unha especie de alianza que lles permite compartir recursos de tipo tecnolóxico, comercial ou financeiro.
Que modalidades coñeces de cooperación? A continuación, achegamos algunhas que poden beneficiar o teu negocio.
- A subcontratación, na cal a empresa cede unha das súas actividades a unha organización máis especializada, beneficiándose da súa experiencia nese ámbito.
- O outsourcing, no que a colaboración non só se reduce a unha actividade da empresa, senón que se externaliza todo un proceso produtivo integramente.
- Os contratos de distribución recíproca, nos que ambas as organizacións se conceden mutuamente a distribución de certos produtos, ampliando desta maneira a gama de artigos e reducindo as necesidades de investimento.
- Unha central de compras formada por empresas que son competidoras, na que se chega a acordos para mellorar as condicións que reciben dos seus provedores. Debido a que os volumes de compra son maiores, conséguense mellores condicións.
- A obtención dunha licenza que autorice a venda dun produto ou compoñente específico, así como a posibilidade de empregar unha certa tecnoloxía, de maneira que se consegue ter presenza nun mercado sen investir nel.
- A colaboración cunha franquía xa creada e consolidada, de forma que o franquiado obterá asesoramento e apoio e se beneficia do bo posicionamento desa organización.
Este tipo de relacións de colaboración traen consigo vantaxes tanto competitivas como produtivas para as empresas que participan. Co servizo de redes e cooperación do programa Re-acciona, as empresas poden contar co asesoramento especializado para levar a cabo este tipo de relacións. Actualmente hai unha convocatoria aberta para solicitar algún dos servizos deste programa, que remata o 15 de setembro reacciona.igape.es/convocatoria