
15 Aug A IMPORTANCIA DE RENOVAR A IMAXE PARA IMPULSAR A PEME
Ao longo da vida dunha empresa cómpre que, co tempo, se leve a cabo unha renovación da maquinaria ou do material que se utiliza, mesmo que se reforce a man de obra con novo persoal, pero as empresas a miúdo descoidan a renovación da imaxe.
Este aspecto é importante, se temos en conta que fai referencia á percepción da organización polos clientes e os que poden chegar a selo. A cuestión que xorde é cal pode ser o mellor momento para realizar unha renovación de imaxe, tamén chamada restyling. Algúns exemplos son os seguintes:
- A empresa que se encontra nunha situación de estabilidade e acaba atopando un nicho de mercado diferente do que buscaba nos seus inicios. Esta variación no concepto de negocio fai necesario realizar unha revisión da imaxe, xa que pode non reflectir a esencia da empresa.
- A maneira en que se percibe a marca non é a que se quere transmitir, xa que, en xeral, as empresas buscan mostrar unha imaxe máis amable, innovadora e social, pero, a miúdo, están centradas na súa actividade empresarial, transmitíndolles aos clientes rixidez e seriedade.
- A creación dunha nova liña de negocio ou a expansión a novos mercados, para o cal é recomendable realizar cambios na imaxe. No primeiro caso, para que os clientes identifiquen e diferencien esa nova liña de negocio. No segundo caso, un proceso de internacionalización implica coñecer o público do novo mercado e un proceso de adaptación da mensaxe e, por suposto, da imaxe.
Outra cuestión importante que cómpre ter en conta é que este proceso de renovación, para que sexa positivo, debe ser sutil, isto é, non debe supoñer un cambio drástico que faga perder a esencia da marca. A clave é realizar cambios pequenos que axuden a que a imaxe sexa a dunha empresa máis innovadora e moderna.
Algúns pequenos trocos que se poden levar a cabo son os seguintes: redondear as liñas do logotipo; reforzar as cores corporativas da marca; empregar un slogan directo e atractivo; deseñar un logotipo claro, independentemente do seu tamaño; usar tipografías e estilos que estean en consonancia coas tendencias do momento; ou dar protagonismo a certos elementos do logo.
Despois do comentado anteriormente, reflexiona sobre a imaxe da túa empresa: consegues que os clientes perciban a túa marca como algo moderno e innovador? O programa Re-acciona dispón dun servizo de imaxe e comunicación que ten, entre outros, o obxectivo de construír a imaxe da empresa que queremos ser. Actualmente hai unha convocatoria aberta deste programa que remata o 15 de setembro convocatoria-re-acciona