fbpx

O papel das redes sociais na comunicación da peme

O papel das redes sociais na comunicación da peme

A relación que existe entre os medios de comunicación e as novas tecnoloxías sitúa as empresas nun escenario no que a súa presenza en Internet é algo moi necesario, non só por medio dunha páxina web senón tamén a través do uso das redes sociais para comunicarse. Segundo os datos que ofrece o estudo sobre as redes sociais de IABE Spain, un 83% das persoas que utilizan estas redes segue algunha marca en Internet e arredor do 53% busca información sobre os produtos antes de compralos.

A razón fundamental para que as empresas empreguen as redes sociais semella ser situarse onde está a clientela, pero existen máis vantaxes que cómpre ter en conta:

  • A mellora da comunicación cos clientes, xa que permiten interactuar con eles dunha forma máis activa e próxima, o que favorece a súa fidelización e, polo tanto, a súa reputación.
  • Un maior coñecemento dos clientes, o que incrementa a calidade do servizo que ofrece a empresa, xa que supón un medio de detectar as súas necesidades e demandas e cubrilas.
  • A xeración de maior tráfico á web, xa que compartir ligazóns ou información da web nas redes sociais consegue aumentar as visitas.
  • O aumento das canles de comunicación cos clientes, ao darlles diferentes opcións para poñerse en contacto coa empresa e que poidan elixir a canle máis cómoda para eles, ademais de ser un bo medio para estar informado sobre os produtos da empresa ou ter noticias sobre ela.
  • A imaxe de modernidade e transparencia coa que nos poden identificar os clientes. Ademais, permiten divulgar a nosa marca a un baixo custo, sen precisar de grandes investimentos para publicitarnos e promocionarnos.

É importante ter presente que os consumidores neste contexto dixital se caracterizan por ser críticos e por ter nas súas mans o acceso a toda a información que queiran, grazas a Internet e ás redes sociais, de xeito rápido e fácil. O servizo de imaxe e comunicación do programa Re-acciona é unha boa forma de mellorar a nosa presenza en liña, e que podes solicitar ata o 15 de setembro reacciona.igape.es/convocatoriare-acciona/

Fontes: www.e-intelligent.eswww.keyandcloud.com