
01 Aug A IMPORTANCIA DA ANÁLISE DA IMAXE DIXITAL DA PEME
Dende a chegada de Internet ao mundo empresarial, coidar a imaxe e a identidade dixital do noso negocio resulta especialmente relevante. Malia que a nosa empresa careza desta actividade dixital, isto non significa que non lle debamos prestar atención a esta cuestión, xa que o máis probable é que os nosos clientes si estean presentes en Internet.
Por este motivo, cómpre realizar unha fotografía dixital da nosa peme para coñecer como nos estamos comunicando nas redes e cal e percepción dixital que teñen de nós, así como a nosa reputación en liña. Para realizar un bo diagnóstico podemos facernos unha serie de preguntas das que temos que buscar as respostas:
- Cal é a nosa presenza en Internet? En primeiro lugar, é importante comezar analizando as canles que utilizamos para darlle visibilidade dixital á nosa empresa e para comunicarnos nas redes. Se temos páxina web, debemos avaliar o seu éxito por medio de indicadores de resultado (tráfico web, páxinas máis visitadas etc.). Tamén hai que ver se as redes sociais que empregamos son as canles adecuadas para a nosa empresa.
- Como é o contido que compartimos? Debemos estudar que temáticas tratan as nosas publicacións (contido corporativo ou externo) e que tipo de contidos son os que están a ter unha boa recepción por parte da nosa audiencia, e analizar desta maneira se é necesaria unha reorientación das nosas publicacións. Ademais, temos que valorar que tipo de linguaxe estamos a utilizar nas redes e se esta é a axeitada.
- Somos unha empresa dixital? Cómpre analizar se dispoñemos dunha cultura dixital activa e integrada no noso equipo do día a día e se os nosos procesos internos e externos están dixitalizados.
- Como falan de nós en Internet? É importante escoitar as redes, o positivo e o negativo que se comenta sobre a nosa empresa en Internet, así como nas redes sociais, e coñecer onde debemos buscar solucións para tratar de corrixir os aspectos negativos. É difícil controlar todo o que se comenta sobre nós en Internet, polo que hai que tratar de influír en que as fontes que compartan información sobre nós sexan fiables.
- Cal é a nosa audiencia dixital? Debemos asegurarnos de que se corresponde co noso público obxectivo e de que chegamos aos nosos clientes potenciais.
- Que riscos podemos ter na nosa reputación en liña? Existen temas sensibles que poden afectar á nosa reputación de marca, polo que é necesario seguir uns protocolos á hora de afrontar unha mala crítica ou unha crise en liña.
Despois de todo o tratado anteriormente, algunha vez realizaches unha análise dixital da túa peme? Se non é así e consideras que a túa imaxe dixital non é axeitada, podes consultar o servizo de imaxe e comunicación do programa Re-acciona. Actualmente hai unha convocatoria aberta do programa ata o 15 de setembro http://convocatoria-2017-re-acciona/
Fontes: www.forbes.com.mx, increnta.com, marketingtribal.com