
18 Jul Claves para establecer o protocolo na empresa familiar
Segundo datos do Instituto da Empresa Familiar, máis do 90% do tecido industrial empresarial español está formado por empresas familiares. Da aí a súa importancia, máis se temos en conta que na comunidade galega, estas absorben máis do 80% dos postos de traballo.
Un dos problemas máis habituais co que se atopan este tipo de empresas, é a forma na que ten lugar a xestión da sucesión familiar, o proceso do cambio xeracional no negocio. O establecemento dun protocolo de actuación familiar facilita que, cando chegue o momento, todo este proceso teña lugar de forma natural e efectiva.
Este protocolo recolle normas e códigos de conducta que todos os membros acatan de mutuo acordo, profesionalizando a xestión do seu negocio. Pero que se debe ter en conta á hora de establecer este protocolo? A continuación falamos das claves a considerar:
- Reflexionar sobre os límites que separan os intereses puramente familiares de aqueles que afectan a sociedade, xa que moitos problemas dentro deste tipo de organizacións veñen dados por non separar estas dúas partes.
- O contido deste tipo de contrato debe incluír calquera aspecto que afecta a relación da empresa coa familia. Algúns dos exemplos de temas que poden figurar son os seguintes: os dereitos económicos dos membros da familia, o réxime de sucesión familiar, a regulación dos diferentes órganos de xestión da empresa (consello familiar, comités de seguimento do protocolo,…), mecanismos de resolucións de conflitos que poden xurdir.
- O consenso de todos os membros da familia, de maneira que figure a firma de todos eles, confirmando que están de acordo co que se estableceu no protocolo. Isto é importante porque todos quedan vinculados, de xeito que unha maioría non pode impoñer o seu criterio, senón existe un consenso unánime.
O éxito na xestión deste tipo de empresas está moi relacionado coa fixación deste tipo de protocolos, da aí que sexa necesario telos en conta e axudarse de expertos que poidan facer o papel de mediador neste tipo de acordos. No programa Re-acciona existe un servizo que se encarga de axudar as empresas familiares a establecer protocolos e a aprender e xestionar a sucesión xeracional. Actualmente está aberta ata o 15 de setembro unha convocatoria Re-acciona para poder solicitar os servizos do programa reacciona.igape.es/convocatoria
Fontes: www.elindependiente.com, infoautonomos.eleconomista.es