fbpx

O servizo de transformación de negocio “a fondo”: Inova Labs e Serviguide

O servizo de transformación de negocio “a fondo”: Inova Labs e Serviguide

“A competitividade é conseguir darlles resposta aos novos clientes e mercados redefinindo o teu modelo de negocio”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de transformación de negocio do programa Re-acciona. Un servizo prestado por Inova Labs e Serviguide dende os inicios do programa, no ano 2012, e cuxo reto é axudar á empresa á hora de identificar oportunidades de cambio que garantan a súa continuidade e o seu crecemento.

Entrevistamos a Adrián Rial de Innova Labs e Natalia Nogueira de Serviguide para que nos falen en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

Ao noso entender, unha peme competitiva é a que dispón dunha carteira de produtos e servizos que resultan atractivos a un segmento de clientes determinado e é capaz de xerar beneficios de xeito sostible no tempo.

 2. Que beneficios achega o servizo de transformación de negocio a unha peme? Cales son os máis valorados?

O servizo de transformación de negocio achégalle á peme unha análise e identificación dos factores internos (definición da proposta de valor, actividades clave, canles de comercialización etc.) e externos do negocio (tendencias tecnolóxicas, cambios de hábitos de clientes, novos competidores etc.) que debería atender ou modificar de forma prioritaria por seren os de máis impacto na súa competitividade actual e futura.

 3. Este servizo leva a cabo o desenvolvemento dun plan de acción, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

O plan está constituído por accións de carácter inmediato e outras a curto e medio prazo mediante as cales a peme fai tanxibles as decisións tomadas e as transforma en resultados concretos. No plan estarán documentados e trazados os obxectivos e indicadores de cada unha das accións, os responsables da súa execución, os fitos e resultados previstos de cada unha das etapas, a calendarización temporal e os recursos e orzamento que se destinarán.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

A metodoloxía do servizo está baseada na popular ferramenta do Business Model Canvas de Alexander Osterwalder que serve para conceptualizar o modelo de negocio da empresa proporcionando unha descrición sinxela e visual de como a empresa crea e captura valor. Hai unha primeira fase de estudo da contorna e dos recursos da empresa tras a cal comeza outra na que o equipo de traballo da peme e a consultora configuran un lenzo no que se sintetizan as claves para a transformación da organización:

      1. Definición da proposta de valor
      2. Segmentos de clientes
      3. Relacións con clientes
      4. Canles
      5. Actividades clave
      6. Recursos clave
      7. Asociacións clave (partners)
      8. Fluxos de ingresos
      9. Estrutura de custos

A partir da correcta definición destas variables, o equipo está preparado para iniciar a última fase, un plan de acción que integre toda a información obtida cos obxectivos estratéxicos da organización. Quizais, a fase que vemos máis complexa é o deseño do plan de acción, xa que implica decidir que accións se deben acometer de xeito prioritario e cales descartar, tendo en conta que os recursos de tempo e económicos da peme constitúen un activo moi valioso que debemos utilizar do xeito máis efectivo posible para garantir a competitividade da empresa.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

Temos traballado con empresas de sectores moi diferentes con estruturas, dimensións e obxectivos moi diversos. Algunhas redefiniron a súa proposta de valor para facela máis innovadora e rendible, outras fixeron unha segmentación de clientes para ofrecerlles propostas de servizo diferenciadas, outras estableceron alianzas para optar a outros mercados e mesmo algunhas mudaron radicalmente de modelo de negocio. Porén, nós consideramos que o éxito deste servizo está no propio proceso. Todo exercicio feito por calquera empresa que implique a reflexión profunda e a análise para a toma de decisións debe considerarse un éxito. Vivimos unha era marcada polo cambio constante, na que as pemes teñen que correr, e mesmo voar, para adaptarse ao mercado. Nesa inercia é habitual esquecer a importancia de dedicar tempo á estratexia como un elemento clave da competitividade. Participar no programa Re-acciona permítenos acompañar a persoas que si están sensibilizadas con esa importancia e desde ese punto de vista, cada proxecto é para nós unha posibilidade de éxito.