
22 Jun Novos perfís dixitais que precisan as empresas
A revolución dixital que están a sufrir as empresas está ocasionando incerteza no mercado laboral, debido a que se espera a desaparición de moitos dos empregos que existen na actualidade. Cómpre ter en conta que isto non supoñerá unha “destrución masiva” dos postos de traballo, senón que teremos que redefinir estes postos tal e como os coñecemos, de maneira que incorporen novas habilidades e competencias para adaptarse ás necesidades do mercado.
Estas novas profesións estarán moi ligadas ás novas tecnoloxías, ao mundo dixital e á creatividade, polo que será necesario que as traballadoras e os traballadores se adapten rápido a estes cambios. Algúns destes novos postos de traballo que están a ser moi demandados son:
- Persoas expertas en big data que teñan a habilidade de analizar a gran cantidade de datos que manexan as empresas no servizo da nube e que sexan capaces de extraer conclusións que axuden a mellorar.
- Profesionais especialistas en vendas que se adapten ás necesidades da clientela, de maneira que poidan dar diferentes alternativas que garantan servizos de alta calidade.
- Persoal técnico que coñeza as novas formas de comunicación dixital que precisan as empresas para ter presenza nas redes sociais e nos medios nos que se moven as máis innovadoras.
- Especialistas en ciberseguridade que axuden a protexer as empresas contra os ciberataques e saiban o regulamento que fai referencia á normativa de protección de datos.
- Enxeñeiras/os con especialidade en loxística que se ocupen da optimización de entrada e saída das mercadorías, así como da cadea loxística e a distribución dos produtos da empresa empregando as ferramentas máis innovadoras.
Tras o comentado anteriormente, que novo perfil dixital precisa a túa empresa? A atracción de profesionais que sexan capaces de cubrir as novas necesidades do mercado laboral é importante. Un dos obxectivos dos servizos dos programas Re-acciona e Re-acciona TIC é capacitar e profesionalizar o teu equipo de traballo. Recomendámosche que consultes estes servizos na nosa web.
Fonte: www.abc.es/economia/