
20 Jun Como mellorar a túa cadea loxística para ser máis competitiva
A miúdo, as pequenas e medianas empresas descoidan a súa área de loxística, cando para elas pode supoñer un terzo dos seus gastos totais. Ademais, a mala ou boa xestión desta área, afecta aos resultados obtidos, así como ao desempeño do resto de departamentos que integran a empresa.
A loxística abarca as actividades de almacenamento, transporte, empaquetado e distribución do produto, de aí que o seu bo funcionamento sexa clave para a organización. A continuación falamos do que pode axudar a mellorar a túa cadea loxística e ser máis competitivo:
- A utilización de ferramentas tecnolóxicas que nos acheguen información sobre o funcionamento dos diferentes procesos da cadea de subministración, como pode ser un sistema de xestión dos recursos ERP ou un TMS que se encarga da xestión do transporte.
- A xestión dos inventarios que permita satisfacer a demanda dos nosos clientes a través da codificación e a clasificación dos produtos e materiais, a redución dos custos de almacenaxe e o mantemento dun nivel óptimo de stocks.
- A implementación de melloras nas redes de transporte, con controis da localización e a calidade do produto, con transporte compartido para pagar menores tarifas ou coa externalización deste servizo para reducir custos e incrementar a eficiencia.
- A coordinación entre o provedor e o cliente, de xeito que a planificación e a xestión das compras, así como os niveis de aprovisionamento, estean baseados en función dos obxectivos da empresa.
- O emprego de métricas que reflictan onde se debe mellorar e que é o que estamos a facer ben, a través do uso de indicadores como o a rotación de inventarios, o custo de mercadorías vendidas ou a cantidade de pedidos entregados a tempo.
Non hai dúbida de que todas as empresas poden chegar a ter algún problema na súa loxística, que ferramentas empregas para xestionar de maneira óptima a túa? No programa Re-acciona dispoñemos do servizo de mellora da produción e da cadea loxística, co que se pode aprender a facer unha boa xestión desta. Recomendamos estar atentos á web para coñecer cando haberá unha nova convocatoria para solicitar estes servizos https://reacciona.igape.es/