
08 Jun O servizo de diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0 “a fondo”: Mariló Morán de team&time
“A competitividade é implantar solucións que melloren a capacitación tecnolóxica da organización”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de diagnose das capacidades e aplicacións das solucións da industria 4.0 do programa Re-acciona TIC. Trátase dun servizo prestado por Team&Time dende os inicios do programa, no ano 2015, cuxo reto é a adopción de solucións dixitais innovadoras para a mellora da xestión.
Entrevistamos a Mariló Morán de Team&Time para que nos fale en detalle do servizo.
1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?
A competitividade véxoa como a capacidade de entender e, posteriormente, xerar o valor que o mercado demanda, de forma que garanta sempre a máxima calidade con mínimos custos e prazos de entrega. O desenvolvemento da competitividade é vital para calquera peme ou autónomo, porque, ou melloras continuamente no entendemento do que o mercado valora e no proceso que segues para xerar ese valor, ou quedas fóra do mercado.
2. Que beneficios achega o servizo de diagnose das capacidades e aplicación das solucións da industria 4.0? Cales son os máis valorados?
Un dos principais beneficios é que a empresa, de forma conxunta co técnico de Team&Time, fai unha reflexión de como está a súa organización dende o punto de vista organizativo e tecnolóxico, reflexión na que participan varios membros da empresa, polo que se terá unha visión desta dende varias ópticas, o que permite elaborar o plan de actuacións para orientar a empresa cara á industria 4.0.
A aplicación de solucións da industria 4.0 non é un proxecto único e aplicable a todas as organizacións, senón que o importante, dende o noso punto de vista, é coñecer onde estamos para poder avanzar. Non se trata de introducir as tecnoloxías sen orde ningunha, se non se está preparado para a su integración, é dicir, existen necesidades básicas e que hai que cumprir para poder dar o salto cara á industria 4.0 de xeito eficiente e con garantías de éxito.
A execución do servizo, ademais do diagnóstico documentado, inclúe formación para a empresa participante, tanto en aspectos organizativos como tecnolóxicos no ámbito da industria 4.0. Este aspecto está a ser moi valorado por todos os asistentes ás xornadas técnicas que levamos feitas ao longo dos últimos meses, dado que obtemos unha media de satisfacción de 4,20 sobre 5 coa formación.
3. Este servizo leva a cabo un diagnóstico inicial, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?
A empresa obtén unha foto real e actual de como está a organización e cales son as súas necesidades para camiñar cara á industria 4.0, definindo o seu propio itinerario ou folla de ruta. O importante é coñecer o camiño que se debe percorrer.
Neste senso, o que a peme obtén é o seguinte:
- Determinación da situación actual da empresa, no ámbito organizativo e tecnolóxico.
- Coñecementos sobre as tecnoloxías da industria 4.0 e o propio concepto de industria 4.0.
- Formación en ferramentas para detección de melloras organizativas e tecnolóxicas que lle permiten á peme orientar os seus procesos á industria 4.0 de xeito mais sinxelo.
- Plan de acción a curto, medio e longo prazo coherente co obxectivo de implantar actuacións concretas en solucións de industria 4.0.
4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?
O servizo consta das seguintes fases:
- Formación en ferramentas organizativas, tecnolóxicas e de industria 4.0 para o persoal da peme.
- Análise da situación real da empresa sobre dous bloques:
- Organizativo: recada información de cada área da organización coa finalidade de coñecer o estado actual da súa xestión e detectar necesidades para capacitar a empresa na industria 4.0.
- Tecnolóxicos: recada o estado actual da organización en materia tecnolóxica e específica das tecnoloxías involucradas na industria 4.0.
- Consenso, para decidir en que accións debe focalizar os esforzos a organización para seguir camiñando na industria 4.0.
- Itinerario de implantación, onde se plasma a proposta consensuada de medidas para implementar e a definición do plan de traballo.
- En canto á implantación da tecnoloxía, poñemos en contacto a peme con outros axentes colaboradores que ofrecen os servizos pertinentes.
Dentro dos servizos que estamos a desenvolver, ate o momento non encontramos ningunha fase especialmente complicada, senón que as empresas, despois da formación, traballan dentro a planificación de proxecto establecida e sen ningún tipo de problema.
5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?
Dos diagnósticos que temos rematados ate este intre, podemos dicir que foron resoltos con total éxito, segundo as puntuacións obtidas na enquisa de satisfacción, cun valor medio de 4 sobre un máximo de 5.