07 Jun O Igape aposta polo uso da tecnoloxía e a innovación para mellorar a competitividade das empresas galegas no novo contorno dixital
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2017. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) organizou un encontro o pasado 6 de xuño para darlles a coñecer ás empresas os programas Re-acciona e o novo Re-acciona TIC, este último, posto en marcha en colaboración coa Amtega. Este encontro, que tivo lugar na Cidade da Cultura, abordou os beneficios das tecnoloxías e da innovación para a competitividade das empresas.
A xornada comezou cunha inauguración institucional, a cargo de Juan Cividanes Roger, director xeral do Igape, quen salientou a importancia do programa Re-acciona para as pemes galegas. Logo desta presentación, tivo lugar o relatorio “A tecnoloxía e a innovación, impacto na competitividade empresarial”, protagonizado por Marta Rivas, de IBM. Ao longo de toda a súa intervención destacou a importancia que está a cobrar a chamada hiperconectividade e como esta pode ter un grande impacto social, axudando ao desenvolvemento da nosa vida cotiá. A continuación, presentáronse os apoios públicos para xerar empresas en movemento por parte de José Manuel Fernández García, xerente de Igape IP, quen resaltou os resultados do programa Re-acciona.
A segunda parte da xornada comezou coa mesa redonda sobre “Como ser competitivos? Claves e experiencias”, moderada por Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do Igape, na que falou Antonio Cantalapiedra, de Balandra Software e MadeinMöbile, quen salientou a importancia de optimizar os procesos e as transaccións nas empresas mediante a dixitalización. Xunto a el presentáronse como exemplos de boas prácticas un caso de éxito de Re-acciona, da man de Silvia Chousa, responsable de administración de Abastecementos Comerciales Chousa Lameiro, quen relatou a súa experiencia positiva co programa e as consecuencias deste na súa empresa grazas ao servizo de optimización financeira ofrecido por Arxón Estratexia. A continuación, interveu o director xeral da empresa Nor Rubber, José
Manuel Quintana, beneficiaria do programa Re-acciona TIC no servizo de simulación industrial que lles ofreceu a posibilidade de optimizar a produción nunha das súas áreas e, por conseguinte, a mellora desta de cara ao futuro.
O peche do acto correu a cargo de Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, quen salientou o papel dos organismos públicos como panca de axuda ao tecido empresarial, xa que a través deste tipo de programas, como o Re-acciona, inténtase identificar cales son as necesidades das empresas e como orientalas a satisfacelas.
O programa Re-acciona
No ano 2012 o Igape puxo en marcha a primeira edición do programa Re-acciona, con once servizos de mellora da competitividade empresarial, e que na actualidade se atopa na súa terceira edición. O pasado 2015, grazas á colaboración entre o Igape e a Amtega, púñase en marcha un novo programa, o Re-acciona TIC, baseado na filosofía do principal, cuxa primeira edición se iniciou en setembro de 2016. Este programa está centrado na mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC.
Ambos os programas, Re-acciona e Re-acciona TIC, contan co apoio da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.