
30 May O blockchain como tecnoloxía innovadora de ciberseguridade
A miúdo prodúcense ciberataques que prexudican as empresas de todo o mundo e que teñen como un dos obxectivos fundamentais o roubo de información ou de datos destas. De feito, recentemente houbo unha avalancha de ciberataques de ransomware que tiveron consecuencias negativas para varias empresas.
Cómpre ter en conta a cantidade de datos que manexamos e a información que gardamos nos nosos servidores e que, polo tanto, están en risco. É por iso que resulta fundamental que tratemos de axudarnos das innovacións tecnolóxicas do mercado que nos sirvan para facer fronte a estes problemas.
O blockchain, ou cadea de bloques, é unha desas alternativas tecnolóxicas que permite a transferencia de datos dixitais dunha maneira segura grazas a unha codificación complexa. Algúns dos usos que lles poden dar as empresas son os seguintes:
- Ao non ser necesario facilitar datos confidenciais das partes dun contrato e non existir intermediarios, favorécense as transaccións de información e os acordos seguros, os chamados contratos intelixentes. Ademais, como actúa como un rexistro, permítelles o acceso a información ás persoas autorizadas, pero sen que esta poida ser alterada por ninguén.
- Os beneficios, en termos de seguridade, da descentralización supoñerán un avance no internet das cousas, no que os aparatos electrónicos se poderán comunicar de forma segura e transparente.
- A complexa criptografía incrementará o uso do pago por dispositivos como o móbil, debido a que se reduce a inseguridade, o que favorece calquera transferencia de diñeiro.
O incremento da dixitalización das empresas fará necesario o uso deste tipo de tecnoloxías para facer fronte ás ameazas na rede, en especial, se cada vez máis realizamos as operacións empresariais apoiándonos nos medios dixitais.
Que tecnoloxías innovadoras estás a usar na túa empresa? A utilización dunha ou doutra sempre varía en función das necesidades de cada organización. No servizo de aplicación de solucións dixitais innovadoras do programa Re-acciona TIC téñense en conta as necesidades das pemes. Recorda que ata o 31 de maio hai unha convocatoria aberta deste programa reacciona.igape.es/re-acciona-tic/
Fonte: www.baquia.com, www.imnovation.com