fbpx

O VALOR DA SELECCIÓN DE PERSOAL PARA A COMPETITIVIDADE DA PEME

O VALOR DA SELECCIÓN DE PERSOAL PARA A COMPETITIVIDADE DA PEME

Como empresa, interésanos dispoñer dun equipo de traballo cualificado e axeitado para o posto que desempeña, ademais de que nos engada valor para ser máis competitivos. De aí a relevancia de poñer especial atención aos procesos de selección de persoal que levemos a cabo no noso departamento de recursos humanos.

Neste tipo de procesos é aconsellable tratar de captar os maiores talentos e profesionais dentro do amplo mercado laboral. Esta procura ten as súas dificultades, non só porque a miúdo xa non están dispoñibles, senón porque conseguir que permanezan dentro da nosa empresa por un longo período require pola nosa parte que nos esforcemos en cumprir as súas expectativas laborais.

A continuación facemos unhas recomendacións para realizar procesos de selección de persoal efectivos:

  • A análise das nosas necesidades de persoal en cada momento axuda a detectar cales son os perfís profesionais que debemos tratar de incorporar aos nosos cadros de persoal.
  • A busca destes profesionais pode levarse a cabo por métodos tradicionais, a través da publicación de ofertas de traballo claras e concisas, de xeito que reflictamos que é o que buscamos e axilizar así o proceso. Outra maneira é por medio das redes sociais, pois estas supoñen unha boa fonte de información de datos e perfís profesionais.
  • A utilización de probas de avaliación que nos permitan coñecer as destrezas, as habilidades e as competencias dos candidatos deben ser de diferentes tipos, dende test psicotécnicos a rol playings ou técnicas máis novidosas. As entrevistas, ao tratarse dun contacto directo, pódennos axudar a sacar conclusións máis claras na nosa elección.
  • Á hora de facer a selección, debemos ter en conta todos os datos dos que dispoñamos para valorar e escoller o candidato que máis nos conveña.

A incorporación do novo traballador á empresa non significa o remate deste proceso. Favorecer a súa adaptación á cultura e ao funcionamento do noso negocio é importante, así como realizar un seguimento do seu desempeño e da súa satisfacción laboral.

A captación de profesionais está presente nos servizos do programa Re-acciona. Pronto estará aberta outra convocatoria para solicitar os servizos deste programa, así que permanecede atentos á web https://reacciona.igape.es/

Fontes: www.imf-formacion.comrecursos-humanos.infojobs.net