fbpx

O servizo de diagnose da aplicación de solucións dixitais “a fondo”: Entrevista a Antonio Paz García de Estratega Consulting

O servizo de diagnose da aplicación de solucións dixitais “a fondo”: Entrevista a Antonio Paz García de Estratega Consulting

“A competitividade é mellorar o grao de modernización tecnolóxica da túa peme”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de diagnose da aplicación de solucións dixitais do programa Re-acciona TIC. Un servizo prestado por  Estratega  Consulting dende os inicios do programa, no ano 2012, e cuxo reto é elaborar unha estratexia dixital para implementar accións de mellora.

Entrevistamos a Antonio Paz García, de Estratega Consulting, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

No marco do Programa Re-acciona, entendemos a “competitividade” como a capacidade que ten unha empresa de xerar e manter as vantaxes comparativas co resto dos seus competidores dun xeito rendible.

Isto tivo sempre a súa importancia pero, actualmente, as organizacións están a enfrontarse a cambios importantes como unha competencia máis aguda, a sofisticación da tecnoloxía, os cambios económicos (ciclos de crise…) e, por suposto, a globalización da economía, por mencionar só algúns. Neste contexto, a competitividade non é que sexa recomendable, senón que se converteu nunha verdadeira esixencia para obter bos resultados e no caso das pemes, mesmo nun requisito para sobrevivir.

2. Que beneficios achega o servizo de diagnose da aplicación de solucións dixitais a unha peme? Cales son os máis valorados?

Os principais beneficios do servizo de diagnose da aplicación de solucións dixitais nunha peme poderían sintetizarse nos seguintes:

  • O incremento de coñecemento e competencias no ámbito das TIC e o seu aproveitamento ao nivel das empresas.
  • O coñecemento rigoroso, completo e actualizado sobre a situación da empresa en canto ao seu grao de modernización tecnolóxica e, sobre todo, das oportunidades razoables que dispón para mellorar a devandita situación.
  • A mellora na profesionalización alcanzada pola empresa mediante o asesoramento e a capacitación que se lle facilita para a implantación das medidas recomendadas.

3. Este servizo leva a cabo un informe de diagnóstico dixital da peme, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

O primeiro apuntamento que convén facer neste sentido é que o diagnóstico dixital que se leva a cabo dentro do servizo está baseado nunha metodoloxía amplamente testada durante máis de dez anos en miles de empresas, que agora se adaptou á filosofía do programa Re-acciona.

A devandita metodoloxía ten por obxectivo medir o grao de madurez dixital da empresa, ou o que é o mesmo, o aproveitamento que fai das posibilidades que ofrecen as TIC no día a día do seu negocio. Para iso, o diagnóstico baséase nun modelo orientado á mellora, que permite identificar cales son os puntos fortes da súa empresa, así como aqueles aspectos nos que pode mellorar, ben incorporando novas ferramentas TIC, ben aproveitando mellor as xa dispoñibles.

En concreto, o diagnóstico estrutúrase en base a sete áreas de análise (xestión de procesos, vixilancia e busca de información, comercialización, presenza en internet, marketing dixital, ciberseguridade e innovación tecnolóxica) e catro niveis posibles de madurez (incipiente, emerxente, avanzado e excelente).

4.Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

Ademais da formación inicial, o servizo consta de tres grandes fases:

  • O diagnóstico dixital propiamente dito, no que se analizan case 200 indicadores relacionados co uso das TIC na empresa en todos os seus ámbitos e a partir do cal se elabora un informe de diagnóstico y recomendacións no que se reflicten os resultados do traballo de análise realizado ata ese momento en todas as súas dimensións
  • A estratexia dixital, na que, tomando como punto de partida os resultados obtidos no diagnóstico dixital, se leva a cabo a análise e a priorización de necesidades e medidas para acometer pola empresa, que se recollerá nunha folla de ruta desenvolvida en coordinación coa empresa.
  • As autoimplantacións: dentro da estratexia dixital clasificaranse as medidas en accións de mellora a medio e longo prazo e accións básicas de autoimplantación temperá (que se poden autoimplantar de xeito inmediato pola empresa). No caso destas últimas, facilitarase un acompañamento á devandita posta en marcha mediante a combinación de talleres formativos con titorías individuais.

Tecnicamente falando, a fase máis complicada sería, sen dúbida, a relacionada co diagnóstico dixital. Por ese motivo, o momento realmente máis crítico adoita ser o das autoimplantacións, xa que sempre se intenta garantir que a empresa poida integrar e utilizar de xeito adecuado as ferramentas recomendadas. Para acadalo cómpre traballar case “á carta”, porque as necesidades/oportunidades son moi específicas, ao igual que as circunstancias de partida de cada empresa.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

Desde a nosa perspectiva, toda experiencia é exitosa cando conseguimos que a empresa coñeza mellor a potencialidade das TIC na organización e vaia avanzando no seu aproveitamento. Con todo, os casos máis agradecidos son fundamentalmente os tres seguintes:

  • As empresas que parten dunha situación tan básica que grazas ao servizo descobren ferramentas que non coñecían e que lles son de grande utilidade para o desenvolvemento do seu traballo dun xeito máis sinxelo e eficiente.
  • As empresas algo máis maduras que están interesadas en utilizar determinado tipo de ferramentas, pero que non queren ou non poden arriscarse a implantalas sen antes contrastar que efectivamente lles son útiles e aplicables.
  • As empresas nas que se acadan resultados de xeito case inmediato, como adoita ocorrer coas empresas que teñen portais de comercio electrónico e onde, xa coa implantación das primeiras recomendacións, se comproba un incremento nos pedidos.

En calquera dos casos, para nós resulta sempre un grande estímulo e unha gran motivación para continuar apoiando este tipo de procesos de mellora.