fbpx

O servizo de xestión de procesos “a fondo”: entrevista a Sara López Martínez de Serviguide

O servizo de xestión de procesos “a fondo”: entrevista a Sara López Martínez de Serviguide

“A competitividade é ser capaz de xerar valor nunha peme optimizando a xestión das súas actividades”. É un obxectivo que está presente ao longo de todas as etapas levadas a cabo no servizo de xestión por procesos do programa Re-acciona. Un servizo prestado por Serviguide dende os inicios do programa, no ano 2012, e cuxo reto é mellorar os procesos de toda a organización.

Entrevistamos a Sara López Martínez de Serviguide, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

Para min a competitividade é parte esencial do funcionamento dunha empresa, tanto a nivel técnico, imaxe, organización, publicidade, tecnoloxía como doutros factores, independentemente do tipo de empresa.

2. Que beneficios achega o servizo de xestión por procesos a unha peme? Cales son os máis valorados?

O beneficio principal é dispor de información sobre o funcionamento dos procesos e a capacidade para poder establecer accións de mellora, baseadas en datos numéricos ligados aos seus procesos e a estratexia da empresa.

3. Este servizo leva a cabo a implementación dun cadro de mando nas pemes, poderíasnos explicar brevemente en que consiste este modelo de organización dos procesos?

Un dos entregables do proxecto é un cadro de mando operativo que  engloba de maneira práctica e visual a información relevante da organización sobre o logro da súa estratexia, tendo en conta a perspectiva financeira, clientes, procesos e recursos.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

As etapas que se levan a cabo son: formación inicial, análise inicial, documentación dos procesos, medición, elaboración dun cadro de mando operativo e explotación dos seus resultados.

A fase máis crítica, pero non a máis complexa, é a análise inicial, xa que unha boa análise inicial asegura un maior éxito do proxecto.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

Hai moitas ao longo destes anos, non podería falar de ningunha en concreto, xa que todas elas, dun xeito ou outro, foron exitosas, unhas porque permitiron ás empresas dar un paso adiante na identificación e xestión dos procesos a nivel documental e outras porque axudaron a mellorar a información existente. En todos os casos, melloraron as ferramentas informáticas que tiña a empresa e a xestión xeral desta.