fbpx

POR QUE É IMPORTANTE PARA AS PEMES INVESTIR EN CIBERSEGURIDADE?

POR QUE É IMPORTANTE PARA AS PEMES INVESTIR EN CIBERSEGURIDADE?

O uso de internet é algo xeneralizado no día a día das empresas, xa que resulta impensable para un negocio estar fóra da rede debido aos beneficios que lle achega. Pero non todo son vantaxes, porque o seu uso tamén leva consigo unha serie de riscos dos que non se poden esquecer as pemes, polo cal a ciberseguridade se considera unha área empresarial máis. Ademais, no futuro será cada vez máis importante, debido ao aumento da dixitalización e do uso da nube para a almacenaxe dos datos.

O ataque a servidores locais, o roubo de información ou de datos persoais e de clientes, a ciberespionaxe, o hackeo de páxinas web e de redes sociais e o roubo de diñeiro poden ser algúns dos ciberataques que poden sufrir as empresas. É recomendable, polo tanto, que estas invistan en prevención contra este tipo de problemas, ademais de que se afagan a seguir unha serie de hábitos que poden reducir os riscos:

  • Clasificar a información de menor a maior risco; esta última é a que se considera de carácter máis persoal e confidencial e que, polo tanto, precisa de maior protección. Tamén é importante ter coidado co que publicamos, xa que forma parte da nosa imaxe dixital.
  • Ter un método de autenticación de acceso máis complexo e difícil, que non consista só nun simple contrasinal e un nome, como pode ser unha pregunta de seguridade, unha pegada dactilar ou un certificado dixital. Así mesmo, débense establecer contrasinais complexos e cambialos a miúdo.
  • Realizar análises internas periódicas para comprobar posibles problemas de seguridade, así como contar cun bo antivirus, ter habilitada unha devasa (firewall) para protexer a conexión a internet e utilizar un protocolo HTTPS no noso sitio web.
  • Levar a cabo copias de seguridade e almacenalas non só nun soporte ou lugar, para evitar posibles perdas.
  • Utilizar un servizo de nube externo para almacenar datos, xa que pode ser máis seguro ao contar con maior protección e seguridade contra os ciberataques.

Ademais de todo isto, as empresas deben dispoñer dun protocolo de actuación ante un posible ciberataque, de modo que estean preparadas ante un problema deste tipo e saiban como reaccionar e actuar. Non hai que esquecerse da ciberseguridade, xa que calquera empresa pode verse afectada, xa sexa grande ou pequena e independentemente do seu sector de actividade.

Non só existen motivos internos para preocuparse por este tema, tamén existen motivos externos. A reputación ou a imaxe que deamos tanto aos nosos clientes como á competencia pode verse afectada se demostramos pouca fiabilidade con relación á seguridade. Por exemplo, unha filtración de datos persoais do noso persoal ou clientela pode denotar pouca responsabilidade e profesionalidade, ademais de xerar desconfianza á hora de elixir a nosa empresa fronte ás competidoras.

A ciberseguridade é, xa que logo, algo que non se debe esquecer nos plans de empresa. Estás a tomar medidas de protección para facer fronte á inseguridade de internet? Se non é así, deberías facelo e informarte sobre os servizos que o programa Re-acciona TIC pon a disposición das pemes para axudar á súa dixitalización. Ata o 31 de maio está aberta a convocatoria para solicitar estes servizos.

Fonte: www.globalsign.comhttps://confilegal.com