
21 Feb A CAPTACIÓN DE CLIENTES: CONSELLOS E FERRAMENTAS PARA LEVALA A CABO
Normalmente, cando iniciamos un negocio, unha das partes máis complicadas de planificar e levar a cabo é a busca e captación de clientes e, en consecuencia, xórdennos moitas dúbidas: como facer que o meu servizo sexa interesante para eles? como dalo a coñecer?
Pois ben, o primeiro que temos que facer é poñernos na pel dos nosos posibles clientes e intentar proporcionar, polo tanto, unha oferta que sexa atractiva para eles. Para conseguilo podemos usar os seguintes métodos:
- Ofrecer un prezo alcanzable. Debemos ofrecer o noso produto cun prezo que poida asumir o noso cliente potencial sen caer no low cost, que pode ser percibido como baixa calidade. Ademais, no caso de servizos que teñan que ver coa rede, pódese dividir a oferta en fases, é dicir, ofrecer un período de proba inicial de todo ou parte do servizo para, posteriormente, establecer unha cota fixa coa posibilidade de ir ampliando contidos.
- Coñecer o mercado os nosos competidores e vixiar constantemente a actividade do sector para diferenciarnos do resto de ofertas.
- Buscar a comodidade para o cliente e preocuparnos por el. Isto conséguese mediante o uso do mail marketing, chamadas telefónicas e reunións coas persoas interesadas nos nosos servizos para ter consciencia das súas necesidades e poder ofrecerlle unha oferta personalizada.
O seguinte sería darnos a coñecer mediante o posicionamento nas redes sociais a través de campañas que resulten atractivas para que poidan ter maior difusión.
E, por último, tamén podemos captar clientes participando en encontros de negocios (feiras, exposicións, congresos…) para ofrecerlles os nosos produtos ou servizos aos asistentes ou realizar xornadas de portas abertas para que todos os posibles clientes da zona poidan coñecer as nosas instalacións, o noso traballo e, polo tanto, a nosa oferta.
Se estades interesados en lograr unha maior captación de clientes e un maior incremento nas vendas na vosa empresa, recordade que o programa Re-acciona conta co servizo de relanzamento comercial, levado a cabo por ITC Consulting, que poderedes solicitar ata o vindeiro 28 de febreiro.
Fonte: www.emprendedores.es; www.eoi.es; www.1000ideasdenegocios.com