
14 Feb Por que a miña peme debe contar cun plan de acción comercial?
Resulta innegable o esforzo que supón ser autónomo ou ter unha peme na actualidade, esforzo que moitas veces fai que nos centremos en controlar a problemática do día a día e deixemos de lado a fonte de ingreso principal do negocio, as vendas.
Antes de pasarnos a describir as recomendacións, contarémosvos que o plan de vendas é un documento no que se establecen os cálculos acerca do que se espera vender nunha empresa nun período de tempo concreto. Este plan inclúe elementos estratéxicos e tácticos, tanto de tipo cualitativo como de tipo cuantitativo. Estes últimos concrétanse habitualmente na parte do plan denominada orzamento de vendas.
Para elaborar un plan de vendas efectivo é necesario ter en conta estes tres puntos clave:
- Coñecemento pleno do produto e do mercado. Para iso deberaste formular as seguintes cuestións: quen é a nosa competencia? que ofrece o noso produto/servizo que outro non poida superar? Ten claro que unha característica só describe, mentres que un beneficio xera, a maiores, unha emoción nas persoas.
- Definición da estratexia e obxectivos. Unha empresa non pode ter un plan de acción sen antes definir que se pretende conseguir dos clientes potenciais e en canto tempo quere conseguirse. Unha vez definido isto, pasariamos a describir as estratexias a poñer en práctica para poder alcanzar obxectivos previamente especificados.
- Coñecemento do noso equipo de vendas. Os integrantes da nosa forza de vendas teñen que estar capacitados para transmitir con efectividade todos os beneficios e as vantaxes que distinguen o produto da nosa empresa. Para poder chegar aos obxectivos de vendas, o vendedor ten que ser positivo, proactivo e, sobre todo, con intención de asesorar a clientela. O ideal é combinar o coñecemento do produto con habilidades comerciais.
En resumo, elaborar e implementar un plan de vendas efectivo, medible e realista é o pase cara ao éxito. Se estades interesados en lograr o incremento das vendas na empresa, recordade que o programa Re-acciona conta co servizo de relanzamento comercial, levado a cabo por itc consulting, que poderedes solicitar ata o vindeiro 28 de febreiro.
Fonte: www.entrepreneur.com; www.eoi.es