
26 Jan O servizo de plan de futuro empresarial “a fondo”: entrevista a José Carlos Álvarez Fernández de DPI Consultores
“Competir significa ser capaz de darlles máis valor aos nosos clientes de forma duradeira”. Esta filosofía está presente ao longo de todas as fases levadas a cabo no servizo de plans de futuro empresarial do programa Re-acciona. Un servizo prestado por DPI Consultores dende o inicio do programa, aló polo ano 2012, e cuxo reto se centra no deseño dun proxecto de futuro e de mellora global para favorecer o cambio estratéxico da empresa.
Entrevistamos a José Carlos Álvarez Fernández, membro do equipo de DPI Consultores, para que nos fale en detalle do seu servizo.
1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?
A competitividade dunha peme ou autónomo reflicte a súa capacidade para ofrecerlles aos seus clientes, de forma sostida, produtos/servizos que lles resulten máis atractivos que os que lles ofrecen outros competidores. Por suposto, pensamos que é moi importante que tanto pemes como autónomos traballen para desenvolvela.
Non hai fórmula máxica de validez universal e cada empresa ten que traballar buscando a súa. Desde DPI cremos que se pode conseguir…Como? Tanto potenciando as capacidades internas coas que contan e integrándoas intelixentemente con outras externas, como definindo estratexias de negocio adecuadas que lles permitan diferenciarse de forma duradeira dos seus competidores. Precisamente, o obxectivo do servizo que comentamos trata de axudarlles neste camiño.
2. Que beneficios achega o servizo de plan de futuro empresarial Proxecto de Futuro e Plan de Mellora Global a unha peme? Cales son os máis valorados?
Resulta complicado escoller, xa que o servizo se personaliza en función de cada empresa, coa adaptación ás súas características específicas, de forma que con cada unha se fortalecen e conseguen aspectos diferentes. Con todo, tratarei de centrarme en tres globais que, segundo a nosa experiencia, consideramos poden ser os puntos fortes do servizo:
1. Por unha banda, co Proxecto de Futuro axudamos ás pemes a definir que diferenciais queren ofrecerlles aos seus clientes como vantaxes competitivas fronte aos seus competidores; traballamos identificando clientes prioritarios e mercados obxectivo ou definindo que tipo de competencias e procesos clave se necesitan para poder crear eses diferenciais. Con isto, xa se obteñen directrices de negocio moi claras e moi valoradas nas pemes.
2. Doutra banda, durante o proceso de elaboración e desenvolvemento do Plan de Mellora Global defínense co suficiente detalle as diferentes estratexias ou plans (obxectivos e accións) que a empresa levará a cabo para que o seu proxecto de futuro se faga realidade, permitíndolles implantar o definido. A folla de ruta que se desenvolve é moi valorada pola súa practicidade.
3. Por último, pero non menos importante, hai que dicir que o desenvolvemento do servizo se fai cun enfoque eminentemente práctico, buscando resultados tanto a curto como a longo prazo. Por iso, faise moito fincapé no desenvolvemento e a aplicación de competencias (coñecementos, en definitiva) por parte de todo o equipo humano que participa neste. Isto mellora claramente o ambiente de traballo e a implicación do persoal.
3. Este servizo desenvólvese baixo o enfoque da espiral de aprendizaxe PEO, poderíasnos explicar brevemente en que consiste este método?
A espiral PEO é a metodoloxía que desenvolvemos en DPI para apoiar a aprendizaxe continua na empresa a nivel de persoa, de equipo e de organización. Os factores para ter en conta para xestionar a competitividade (necesidades dos clientes, situación da competencia, estado da tecnoloxía…) cambian ao longo do tempo. Isto é o que mellorar caracteriza o que actualmente chamamos economía do coñecemento que nos toca vivir. Por iso consideramos tan importante que os empregados aprendan constantemente. É o camiño para o desenvolvemento das competencias a que nos referiamos antes.
Durante a prestación do servizo esta metodoloxía facilita o desenvolvemento e a aplicación do coñecemento na peme, pois integra o que achegamos nós co existente na propia empresa derivado fundamentalmente da experiencia diaria dos seus empregados, sobre todo, dos seus directivos.
Por que consideramos que é tan importante? Sen dúbida, as vantaxes competitivas da empresa basearanse en coñecemento propio e serán máis sustentables.
4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de levar a cabo?
O servizo articúlase, de maneira xenérica, en tres grandes fases:
En primeiro lugar, empézase preparando o terreo, definindo o equipo de traballo, aclarando necesidades concretas tanto da empresa como do equipo… Isto é importante, xa que nos permite adaptar cada servizo ao que cada organización en concreto necesita, dentro do marco definido en Reacciona e sempre de maneira consensuada coa empresa.
Posteriormente, deséñase o proxecto de futuro. Para iso, poñemos en práctica un método propio encamiñado a favorecer a reflexión individual e recoller achegas por parte do equipo. A metodoloxía de aprendizaxe a que nos referiamos antes é clave para que nós poidamos orientar e completar de forma adecuada esas achegas. Ademais, apoiamos a reflexión e o consenso do equipo con coñecemento externo moi personalizado a cada caso.
Por último, defínese a estratexia adecuada que permita que se alcancen os obxectivos definidos. Isto realízase tamén de forma consensuada e participativa, tratando que teña un enfoque moi práctico e orientado á acción, identificando as pancas clave do éxito e os obstáculos prioritarios nos que hai que traballar para que a implantación sexa unha realidade e a empresa consiga avanzar no camiño da mellora da súa competitividade, alcanzando resultados concretos.
Ningunha resulta especialmente complicada de implantar, xa que desde DPI realizamos un labor de apoio continuo, traballando preto das empresas para facilitar o desenvolvemento do servizo e solucionando calquera aspecto que poida supoñer un freo.
5. Xa para rematar, son moitas os proxectos realizados ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algún que resultara para vós un caso de éxito?
Entre os máis de 100 proxectos deste tipo realizados ata agora con Reacciona, comentaría dous concretos:
Kauman: considerámola un exemplo, non só como un caso de éxito en canto a deseño da estratexia, senón tamén de implantación e obtención de resultados. Trátase dunha empresa que deseñou connosco a súa estratexia durante a primeira edición do programa Reacciona, xa hai catro anos. Coa implantación desde entón da totalidade dos plans definidos e tras conseguir as melloras desexadas, este ano decidiron realizar o servizo novamente para redeseñala e actualizala tendo en conta os cambios producidos, tanto na contorna como no desenvolvemento das súas capacidades internas.
Cooperativa Vitivinícola Arousá, máis coñecida como Paco&Lola. Deseñaron o proxecto de futuro e a estratexia durante esta edición de Reacciona. O resultado obtido foi unha estratexia moi retadora para o marco 2017-2020, que apoia un cambio de rumbo na dirección para seguir e que conseguiu axuntar os intereses de todo o equipo na mellora da competitividade da adega. Precisamente, o éxito deste proxecto radicou na implicación alcanzada por parte do equipo. Aínda non presentaran os resultados obtidos na asemblea de socios e xa estaban a desexar poñerse en acción seguindo as directrices marcadas.