
17 Jan Os habilitadores dixitais ou tecnoloxías clave da industria 4.0
En posts anteriores falamos do concepto de industria 4.0 como o fenómeno baseado na transformación dixital e na adopción das chamadas tecnoloxías facilitadoras clave co obxectivo de establecer un novo paradigma para a industria a través da progresiva dixitalización dos procesos produtivos. É agora cando pasamos a comentar en detalle cales son esas ferramentas tecnolóxicas e cal é o seu papel nesta cuarta Revolución Industrial.
Os habilitadores dixitais son un conxunto de tecnoloxías que posibilitan o paso da industria actual á industria 4.0. Mediante o uso de programas e sistemas de cloud computing, internet das cousas e big data, a fábrica tradicional pasa a estar conectada; nela todos os procesos estarán integrados e as máquinas interactuarán e comunicaranse entre elas dando paso ao que se coñece como fábrica intelixente.
Pero, cales son eses habilitadores dixitais? Entre os máis relevantes podemos atopar:
- Internet das cousas (IoT): o emprego de tecnoloxías IoT é a base da cuarta Revolución Industrial. As máquinas e os obxectos da fábrica estarán conectados a internet e intercontectados entre eles. Ademais, non debemos esquecer que na factoría intelixente toda a información estará na nube.
- Fabricación aditiva e impresión 3D: construción de pezas a partir de modelos en tres dimensións grazas á adición de materiais e ao uso de impresoras 3D. Con isto lógrase un maior nivel de personalización no deseño, ademais dunha redución de custos no uso de materiais.
- Big data industrial: a implementación de sistemas big data permitirá predicir fallos de maquinaria, anticipar as operacións de mantemento, mellorar a optimización dos procesos…
- Robótica intelixente: a fábrica 4.0 contará con robots industriais que traballarán de forma amigable co persoal sen riscos para a seguridade.
- Ciberseguridade: a aplicación de todas estas tecnoloxías pode supor un risco. Centos de obxectos conectados que precisan de mecanismos de control e seguridade para evitar o seu hackeo. Neste campo é onde a ciberseguridade desempeña un papel fundamental, xa que resulta necesaria a aplicación de medidas de protección para previr ataques que poidan alterar o correcto funcionamento da fábrica.
Fonte: http://revistaingenieria.deusto.es; http://www.fundacionctic.org