
22 Dec O SERVIZO DE EMPRESA FAMILIAR “A FONDO”: ENTREVISTA A PABLO PARADA ARCAS DE PARADA Y COTELO
“Competir significa planificar a supervivencia da empresa familiar no futuro”. Esta filosofía está presente ao longo de todas as fases levadas a cabo no servizo de elaboración de plans e protocolos de empresa familiar do programa Re-acciona. Un servizo prestado polo equipo de Parada y Cotelo Abogados y Asesores, cuxo obxectivo é que as pemes ás que se lles conceda a axuda poidan perpetuarse no tempo, evitando que non sobrevivan ao cambio xeracional.
Entrevistamos a Pablo Parada Arcas, socio do despacho e director da área xurídica, para que nos fale en detalle do servizo.
1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou un autónomo leve a cabo o desenvolvemento dun protocolo de empresa familiar?
No eido empresarial, a competitividade é a capacidade dunha empresa para superar as demais empresas do seu mesmo sector.
Se unha empresa familiar presenta algún tipo de conflito que poña en perigo a súa supervivencia ou ten dificultades para garantir o cambio xeracional, non poderá competir en igualdade de condicións coas demais organizacións que pelexan polo mesmo mercado. As empresas que non son familiares, xeralmente, non teñen que enfrontarse ao desafío que supón a súa propia supervivencia, ao contrario do que acontece coas que si o son. Polo que, sen dúbida, alcanzar esa estabilidade e asegurar a continuidade da empresa supón unha vantaxe competitiva.
2. Que beneficios achega o servizo de elaboración de plans e protocolos de sucesión de empresa familiar a unha peme? Cales son os máis valorados?
A planificación da sucesión na empresa familiar axuda ás pemes a lograr o necesario entendemento, confianza e identidade entre os membros da familia, evitando os conflitos entre eles que poden chegar a ameazar a continuidade da empresa.
Os membros da familia valoran moi positivamente que se establezan os papeis que cada un vai desenvolver dentro da empresa, que se planifique o relevo dos fundadores, que se estableza o modo en que entrarán na empresa as novas xeracións e que se determine a repartición do poder.
En realidade, trátase simplemente de establecer un marco normativo interno que asegure a supervivencia da empresa e, sobre todo, que evite que o proceso sucesorio, e mesmo os posibles conflitos que poidan xurdir entre os socios, non ameacen a continuidade da empresa nin mingüen a súa capacidade de competir no mercado.
3. Este servizo baséase na elaboración dun protocolo familiar adaptado ás necesidades de cada empresa, poderíasnos explicar brevemente en que consiste a metodoloxía aplicada?
A nosa filosofía baséase na confianza e na comunicación constante co cliente, o que nos permite coñecer cales son as súas necesidades e intereses. Para logralo, manteremos cos membros da empresa e da familia que teñan intereses nela cantas reunións consideremos necesarias para coñecer as circunstancias familiares e empresariais, o que nos leva a actuar dunha ou outra forma.
En realidade, o protocolo é un instrumento xurídico máis dos que contribúen a alcanzar a normalidade nas relacións entre a empresa e a familia, pero debe coordinarse de forma adecuada con outros mecanismos, como a planificación sucesoria, as modificacións estatutarias e as capitulacións matrimoniais.
4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que consideredes especialmente complicada de desenvolver?
Comezamos o servizo cunha entrevista na que facemos unha análise da situación na que se atopa a empresa. Unha vez feita a análise inicial, estudamos a problemática que debe abordar a empresa para superar o cambio xeracional e propoñémoslles ao fundador e á familia cales son as solucións que poden axustarse ás súas necesidades. Esta é a fase máis importante, porque vai servir para sentar as bases do futuro da empresa.
Consensuadas as solucións expostas, procédese á elaboración do protocolo de sucesión familiar e de cantos documentos resulten necesarios (testamento e pacto de mellora ou modificación de estatutos, entre outros).
Finalmente, entregarase a documentación e aclararanse as dúbidas que poidan albergar os familiares.
5. Xa para rematar, cales son as claves para lograr unha incorporación exitosa das novas xeracións á xestión das empresas familiares?
Por unha banda, os novos deben estar ben formados e, á vez, ter ilusión por formar parte da empresa; necesitan ter cultura de empresa.
Por outra banda, os fundadores deben planificar o papel que debe desenvolver cada un dos novos membros, dedicarlles tempo para ensinarlles como funciona o negocio, valorar o seu traballo e esforzo e ceder paulatinamente as responsabilidades empresariais, de xeito que, no momento da sucesión, a empresa se atope preparada para o cambio xeracional.