fbpx

O servizo de relanzamento comercial “a fondo”: entrevista a Raquel Maquieira de ITC

O servizo de relanzamento comercial “a fondo”: entrevista a Raquel Maquieira de ITC

Competir significa desenvolver un protocolo comercial efectivo que permita acadar os obxectivos buscados”. Esta filosofía está presente ao longo de todas as fases levadas a cabo no servizo de relanzamento comercial do programa Re-acciona. Un servizo prestado pola consultora ITC dende o inicio do programa, aló polo ano 2012, do cal xa foron partícipes máis de 150 pemes galegas.

Entrevistamos a Raquel Maquieira, membro do equipo de ITC, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

A competitividade é a capacidade das empresas para manter e incrementar a súa cota de mercado creando unha vantaxe diferencial que as posicione con respecto a competencia.

No contexto actual no que nos movemos, cun mercado dominado pola oferta de produtos cada vez máis comoditizados, é fundamental deseñar estratexias que marquen a diferenza e que lle ofrezan valor ao consumidor. Internacionalización e innovación son algunha das pancas dinamizadoras clave para a competitividade das pemes.

2. Que beneficios achega o servizo de relanzamento comercial a unha peme? Cales son os máis valorados?

Somos un servizo moi práctico que ten como obxectivo principal axudar as pemes a posicionar os seus produtos nos mercados nacionais o internacionais. Como beneficios do servizo destacaría, entre outros, a definición da oferta de valor, a busca constante de novos segmentos de mercado onde a empresa ofreza o seu valor, a sistematización do proceso de comercialización das empresa e o reposicionamento da marca e o estudo da competencia.

O que máis valoran as empresas é a información estratéxica que se lles achega durante os meses que dura o servizo.

3. Este servizo baséase no redeseño dos esquemas e os procedementos de comercialización da empresa, poderíasnos explicar brevemente en que consiste esta metodoloxía?
En ITC axudamos as pemes a mellorar os seus procesos comerciais a través da aprendizaxe e o correcto desenvolvemento das actividades comerciais. Para iso propomos unha metodoloxía orientada á aprendizaxe, non prescritiva e dirixida a permitirlle á peme receptora ser autónoma para continuar avanzando unha vez finalizada a actuación.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

Nun primeiro momento identificamos, xunto coa peme, as necesidades de mellora que ten dentro do departamento comercial. Unha vez que as temos identificadas, establecemos plan de acción acompañado dun cronograma de actuacións. A partir deste momento empezamos a execución das accións que rematarán cun informe final de resultados obtidos.

Máis que de complicación falaría da necesidade que temos de focalizar moi ben o servizo, xa que nun primeiro momento as empresas queren atacar todas as frontes. O servizo dura catro meses e de aí a importancia de centrar as accións de mellora para que os resultados sexan positivos en cada unha das liñas executadas.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

ITC leva consultado máis de 120 pemes galegas desde o ano 2012 e son moitos os obxectivos conseguidos. Por citar algúns sinalaría a creación dun plan de promoción internacional, no que se definiu unha nova marca para o mercado americano dunha coñecida bodega de Galicia; o aumento do 50 % de facturación nunha peme do sector sanitario; ou a busca, con gran éxito, dun novo segmento de mercado para unha peme especializada en aplicacións de madeira para a construción.