fbpx

O servizo de análise do potencial competitivo “a fondo”: Entrevista a Fernando Picón de Obz Consulting

O servizo de análise do potencial competitivo “a fondo”: Entrevista a Fernando Picón de Obz Consulting

Competir significa saber onde estamos e saber cara a onde nos temos que dirixir. Baixo esta premisa de definir a ruta de cambio e identificar as accións de mellora máis convenientes, xurdiu o servizo de análise do potencial competitivo do programa Re-acciona que, nos tres últimos anos, foi solicitado por máis de 300 empresas.

Entrevistamos ao terceiro dos axentes colaboradores, Fernando Picón de OBZ Consulting, que presta o servizo na provincia de Pontevedra para que nos conte en detelle este servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

A competitividade é a capacidade de xerar e manter vantaxes competitivas que sexan valoradas polos clientes. Ter algo que nos diferencie da competencia e que sexa a razón pola que os clientes nos elixen. Xerar valor para o cliente.

Ser competitivos hoxe é bo, pero é mais importante ter a capacidade de ser competitivos de forma sostida no tempo, a capacidade de adaptarnos aos cambios dos clientes, do mercado…Con estas premisas é critico para as pemes e os autónomos coñecer e mellorar a súa competitividade futura.

2. Que beneficios achega a unha peme ou autónomo coñecer cal é a súa posición competitiva actual? Cales son os máis valorados?

Coñecer a situación actual de competitividade é o primeiro paso necesario para definir a ruta de mellora posterior. Esa posición ten que ser consensuada por todo o equipo directivo.

O indicador de posición competitiva utilízase tamén para efectos comparativos con outras empresas do sector, da zona…. Hai arredor de 300 pemes galegas que xa teñen este indicador, que se pode encontrar no informe económico e de competitividade do 2016 elaborado por Ardán.

3. Este servizo baséase na aplicación da Matriz T-H, poderíasnos explicar brevemente en que consiste esta metodoloxía de análise?

A Matriz T-H define que as pemes son unha combinación de:

Aspectos técnicos (T): para os que se analiza o nivel de implantación e uso (sistemas, protocolos, procedementos, ferramentas, técnicas de xestión…).

Aspectos humanos (H): para os que analiza o grao de uso das capacidades dispoñibles (persoas, motivación, compromiso, equipo, delegación, implicación, liderado…).

Estas dúas dimensións detállanse en 22 factores de competitividade. Os resultados actuais, a curto prazo dunha peme, pódense conseguir tendo desenvolvido a metade destes factores. Para ter resultados sostibles é necesario traballar na totalidade dos 22 factores.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente relevante?

Despois dunha formación inicial e entrevistas, o equipo de dirección cobre un cuestionario onde valoran os 22 factores de competitividade antes mencionados. Celébrase a reunión de consenso, que é unha fase moi relevante na que se revisa e acorda a posición competitiva da empresa. Xorde, a partir desta reunión, unha relación de accións de mellora que priorizamos e clasificamos en accións operativas a curto prazo e en accións estratéxicas a medio e longo prazo.

OBZ implanta algunha das accións operativas e titoriza os directivos na posta en marcha do resto das melloras. Desde OBZ, ademais das reunións definidas, damos apoio e seguimento en liña continuo durante todo o proceso.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre as principais conclusións?

En xeral, este servizo é moi ben valorado polas empresas, xa que achega visibilidade sobre a situación actual e sobre o camiño que se debe seguir, cunha metodoloxía moi práctica. É especialmente axeitado en pemes que están en proceso de cambios, xa que os define, prioriza e facilita unha mellor posta en marcha.

É de destacar que poucas empresas traballan sobre os 22 factores mencionados: a maioría céntrase nun número limitado deles. O éxito do proxecto é que incorporen paulatinamente os 22 a un ritmo axeitado a cada peme. Supón o comezo dun camiño de mellora cun equipo directivo con maior cohesión e máis profesional e con resultados tanxibles que pode continuarse logo con outros servizos do programa Re-acciona.